O
Tribunal Superior de Xustiza de Galiza vén de estimar o recurso
presentado pola CIG contra a sentenza que o Xulgado do social da
Coruña emitira hai máis dun ano. Logo de dous anos de periplo
xudicial e ata ter que recorrer en dúas ocasións ao Tribunal
Superior de Xustiza de Galiza este recoñece que o Concello de
Betanzos despediu de xeito improdecente a unha traballadora do xa
inexistente GRUMIR e debe proceder a indemnizala ou readmitila. Dende
a Sección sindical da CIG ficamos satisfeitos porque era unha
cuestión de xustiza, considerabamos inxusto que dependendo de quen
te xulgase a sentenza fose diferente en idénticos casos, tendo en
conta que outros seis foran considerados despedimentos improcedentes,
agora queda agardar a sentenza pendente dun outro compañeiro, se
cadra, nun caso máis claro de fraude, tendo en conta que o Concello
de Betanzos utilizaba a un peón de emerxencias como traballador fixo
do cemiterio municipal.
Ata
o momento o Concello non se pronunciou, e descoñecemos cal será a
súa decisión, en todo caso o xusto sería que optase pola mesma
opción que os compañeiros readmitidos hai máis dun ano, mais en
todo caso, á vista de que este Concello non trata por igual a todo o
persoal, e que hai persoal que perde o seu posto de traballo e debe
demandar e outro que non, nunca sabemos o que pode pasar. O que si
que está claro é que resulta lamentable lembrar agora como o
concelleiro de Persoal no propio pleno dixo que os despedimentos non
eran improcedentes sendo coñecedor de varias sentenzas, como aínda
na actualidade tanto el como algúns delegados da UGT seguen a dicir
que foi unha finalización de contrato, non un despedimento, cando o
propio Tribunal Superior de Xustiza de Galiza vén de ratificar o que
seis sentenzas anteriores dixeran, que o Concello despediu de xeito
improcedente, tamén sabemos que hai xente que de tanto repetir as
mentiras pensa que son verdade, por moito que estean equivocados.
Agardamos que este tipo de casos sirvan tamén de exemplo para vermos como loitando tamén se abren camiños e aínda que non sempre se acaden os resultados esperados ás veces faise xustiza, e a esperanza é o último que debemos perder porque aínda que haxa quen trate de pór paus diante da roda sempre tentaremos defender os intereses do colectivo dos traballadores.
Ningún comentario:
Publicar un comentario