10/02/14

Parece que se van retomar de novo as negociacións do convenio, a ver se desta volta vai a vencida.

O pasado venres o concelleiro de Persoal convocou á Sección sindical da CIG e de UGT a unha reunión para informar sobre retomar as negociacións do convenio. Esta reunión veu dada porque, logo do acordo tomado por unanimidade no Comité de Empresa do mes de xaneiro, a representación do Comité solicitoulle encarecidamente ao concelleiro de Persoal que se retomasen as negociacións do convenio colectivo, logo de máis dun ano de parálise, ante a urxencia da situación.

Despois desta solicitude por parte do Comité de Empresa o Concello convocounos para informarnos de que o vindeiro martes 18 haberá unha reunión da Comisión de Negociación do convenio onde asistirá un representante da empresa que agora parece que se vai encargar tamén da negociación do convenio. O que podería parecer normal nun principio deixounos un pouco preocupados aos delegados da CIG en canto o concelleiro indicou que o representante da empresa sería o que nos diría como ían ser as negociacións do convenio colectivo, simplemente porque albiscamos de novo unha descarga das funcións por parte do Concello nunha empresa privada, cando o máximo responsable de que estas negociacións cheguen a bo porto e o persoal laboral teña un novo convenio colectivo é o propio alcalde. Agardaremos, pois, á reunión do 18 para tirarmos as conclusións definitivas sobre a postura do Concello neste tema.

Por parte de UGT, coma sempre, nin sequera abriron a boca, comeza a ser a dinámica común dos delegados deste sindicato en Betanzos, apoio explícito ao Concello cando teñen diante ao concelleiro e ataque directo á CIG nas reunións do Comité, mais os delegados e delegadas da CIG xa aprendimos a convivir cun sindicato que defende á empresa, e tamén chegamos a entender que quen debe o seu posto de traballo a un claro trato de favor fronte a compañeiros despedidos, é posible que non estea en condicións de negociar e defender aos traballadores, aínda que iso non exime da responsabilidade que todos os delegados sindicais teñen cando libremente decidimos presentarnos e continuar no posto.

A maiores, a representación do Comité achegoulle ao concelleiro a listaxe de temas que teñen interese en tratar na reunión mensual: os problemas no servizo de limpeza, mobilidade do persoal, documentación non entregada, solicitudes dos traballadores sen resposta, condicións laborais do persoal do Plan de Cooperación, solicitude de reunión da Comisión de Seguimento do convenio colectivo, resolución das axudas sociais, novas bases de axudas sociais, resolución dos días por enfermidade que non dan lugar a baixa e roupa de traballo.

 Ademais, na propia reunión tratátonse os graves problemas polo que está a pasar o servizo de limpeza de edificios nomeadamente por culpa das baixas non cubertas, e como o Concello modifica constantemente as condicións laborais de certas traballadoras ao seu antollo, incumprindo o convenio colectivo, todo principio de negociación e os dereitos do persoal, a maiores de que se deixou constancia que neste Concello hai diferente trato na resolución dos conflitos dependendo estritamente de quen é o traballador ou traballadora afectada, o que dificulta que se poida chegar a acadar a igualdade de trato. En todo caso, por parte da CIG sempre defenderemos o que é xusto e legal e coidamos que as irregularidades existentes neste Concello son o cerne do caos existente no que atinxe ao persoal e as que levan creado diferenzas entre os traballadores ao longo de todos estes anos mentres que a lexislación é clara e todos debemos ser tratados por igual.

Ningún comentario:

Publicar un comentario