A
Alianza Social Galega convoca protestas o 27 de febreiro en varias
localidades galegas baixo o lema “Por outra saída da crise”,
buscando unha resposta colectiva ás nefastas políticas antisociais
que impoñen os gobernos galego e español. Así o anunciaron os
secretarios xerais da CIG, Suso Seixo; de UGT, José Antonio Gómez;
e de CCOO, Xosé Manuel Sánchez Aguión, que compareceron este xoves
en rolda de prensa acompañados de representantes doutras
organizacións que integran a plataforma.
Os
representantes da Alianza Social Galega subliñaron que nunha
conxuntura con 271.500 persoas en situación de desemprego e case co
45% que carecen de coberturas, o Goberno da Xunta presenta un
Orzamento que non contén medida ningunha para reactivar a actividade
económica e o emprego.
Denunciaron
que os gobernos de Rajoy e Feijoo impoñen cada día novos e
constantes recortes, entre os que salienta unha reforma laboral
estéril e moi prexudicial para os traballadores, cun novo paquete de
medidas que flexibiliza e desregula o contrato a tempo parcial;
recortes nas pensións; retrocesos no ensino público; agresións á
sanidade pública; paralización e marcha atrás na aplicación da
Lei de Dependencia; privatización dos servizos públicos municipais;
un ataque aos dereitos sexuais e reprodutivos das mulleres; a
implantación dun estado policial coa reforma da Lei de seguridade
cidadá e do Código penal; a reforma da Lei hipotecaria,
insuficiente e que non contén solucións estruturais; un conxunto de
políticas que van cara a desertización do rural e destrución do
medio; e o progresivo desmantelamento da política pública de
cooperación ao desenvolvemento.
Ante
esta crítica situación, a Alianza Social Galega fixo un chamamento
ao conxunto da sociedade para que saia á rúa masivamente a
manifestar a súa oposición a estas políticas e a reclamar outras
máis xustas e solidarias que beneficien ao conxunto das galegas e
galegos e non só a aqueles que provocaron a crise.
A
este respecto, o secretario xeral da CIG, Suso Seixo, sinalou que
esta mobilización promovida pola Alianza Social Galega ten tamén o
obxectivo de facerlle ver á cidadanía que “non se pode deixar
enganar polas mentiras permanentes do PP coas que disfrazan de forma
continuada a realidade”.
Asegurou
que por mor das políticas do PP a estas alturas o único que temos é
“perda de dereitos laborais, perda de liberdades públicas,
deterioro dos servizos públicos provocado polos recortes e deterioro
dos sectores básicos da nosa economía: o agro, a pesca, a
industria...”.
Alertou
dos índices de desemprego “alarmantes e históricos” nos que nos
atopamos e denunciou que malia levar xa 5 anos inmersos nesta crise
segue a se destruír emprego. Por iso asegurou que “é unha
mentira” que o 2014 vaia ser o ano da recuperación e da creación
de emprego e que o PP pretende así agochar as consecuencias “tan
graves” que están a ter para a maioría da poboación. “Os que
están saíndo da crise son os que a provocaron e os que nunca
tiveron problema. A banca, as multinacionais e os especuladores están
obtendo importantes beneficios grazas á crise e é o sector para o
que realmente está a gobernar o PP”.
Ante
isto, reiterou o chamamento á mobilización, para exixir outras
políticas, mais tamén a desprazar ao PP das institucións porque,
dixo “as converteu nun niño de corruptelas para beneficio persoal
e dos grupos económicos que os apoian”. “Ou eliminamos e esta
corruptela encabezada polo PP, ou realmente o que nos espera é
moito tempo de crise, de perda de dereitos e de deterioro das nosas
condicións laborais e da nosa calidade de vida”, concluíu.
As
mobilizacións terán lugar nas sete cidades, o día 27 de febreiro
contra as 20:00 horas. Segundo se adiantou na rolda de prensa, a
Alianza Social Galega intentará que se convoquen tamén
mobilizacións en vilas pequenas que aínda están por confirmar.
Ningún comentario:
Publicar un comentario