13/02/14

A CIG inicia a recollida das sinaturas da ILP para levar as políticas alternativas de creación de emprego ao debate parlamentar

A central sindical vai desenvolver nos próximos meses un intenso traballo de divulgación social e institucional do contido da súa iniciativa lexislativa popular

A campaña polo Emprego que a CIG está a desenvolver vén de iniciar a súa segunda fase. Logo da admisión a trámite na Mesa do Parlamento, a central sindical comeza agora a recollida das 15.000 sinaturas que se necesitan para levar a debate político a Iniciativa Lexislativa Popular de medidas para a creación de emprego en Galiza. Unha ILP que este venres foi presentada en rolda de prensa polos Secretarios das distintas Unións Comarcais da CIG.
Até principios do mes de abril (data límite para a entrega das sinaturas), a CIG vai desenvolver un intenso traballo de divulgación do contido da ILP tanto nos centros de traballo, con debates nas empresas, reunións con delegados/as e Comités; como nas rúas, a través de actos abertos ao conxunto da cidadanía. Así mesmo, explica o Secretario Xeral da CIG, Xesús Seixo, estase a elaborar unha moción para remitir aos grupos e forzas políticas municipais, co obxectivo de que o texto sexa apoiado polas corporacións locais.
Mediante estas accións, a CIG quere achegar a maior parte da cidadanía galega o contido da Iniciativa e demostrar que “si é posíbel facer outro tipo de políticas distintas que favorezan o crecemento económico e a creación de emprego”. Neste senso, a ILP recolle un ampla abano de medidas (até 100 propostas) referidas á política industrial, fiscal, financeira, enerxética, medioambiental, laboral, etc.
Desta última materia, Seixo destacou a proposta de reducir a xornada laboral no camiño da conquista das 35 horas semanais, como medida de reparto do traballo, e o fomento de políticas de rendas que garanta uns salarios dignos. A ILP, continúa, tamén recolle un capítulo de medidas expresamente dirixidas ao colectivo de persoas sen emprego, coa solicitude de creación dunha renda de inserción laboral para todos os traballadores/as en situación de desemprego que non cobren outro tipo de prestación pública.
Durante estes catro meses, ademais de recoller as 15.000 sinaturas que se precisan como mínimo, a CIG pretende facer un traballo na sociedade de divulgación do contido da ILP e de xerar expectativas a respecto de que hai alternativas á crise e á perda de emprego. “Se estas alternativas non se aplican por parte do Goberno español e da Xunta de Galiza, é porque as políticas económicas, laborais e sociais que están a facer van máis pensadas en favorecer os intereses dunha minoría -a oligarquía financeira e o gran capital-, que en favorecer os intereses da maioría social”, denunciou o Secretario Xeral da CIG.
Seixo agarda que finalmente se dea o debate desta batería de medidas no Parlamento galego e aínda tendo presente que a relación de forzas, cunha maioría absoluta do Partido Popular, fai difícil que o contido da ILP sexa aceptado, é importante que se debata sobre esta problemática na institución onde se lexisla e onde están os representantes das principais forzas políticas, electos pola cidadanía. Ademais, insistiu na necesidade de debater sobre as causas económicas e políticas que motivan o paro estrutural que padece o noso País desde sempre e abordar cales son medidas para combatelas.
Se non se lexisla no Parlamento de Galiza na orientación política, económica e social que aparece na ILP é porque o PP non goberna pensando na defensa dos intereses de Galiza e das súas clases populares. Entre os moitos exemplos disto, o último témolo no espolio que se vende de cometer coa entrega de Novagalicia Banco, a prezo de saldo, a unha entidade financeira privada, cun custo enorme para o erario público e deixando a Galiza sen unha entidade financeira propia, fundamental para a economía do País e o seu autogoberno”, concluíu Seixo.


Ningún comentario:

Publicar un comentario