A
CIG, UGT e CCOO veñen de anunciar a convocatoria de mobilizacións
conxuntas contra a condena a tres anos de prisión a dous afiliados
dos dous primeiros sindicatos acusados dun delito contra a liberdade
dos traballadores/as tras participar nun piquete informativo durante
a folga do transporte na provincia de Pontevedra en 2008. As
centrais, que solicitaron un novo indulto para os afectados despois
de que o Goberno español rexeitase o primeiro, fan un chamamento á
cidadanía a participar na manifestación deste domingo en Vigo para
rexeitar a decisión xudicial.
Responsábeis
comarcais da CIG, UGT e CCOO compareceron hoxe en rolda de prensa
para explicar que a primeira sentenza contra os dous operarios,
emitida polo Xulgado do Penal número 1 de Vigo, remóntase ao ano
2009, e que a decisión foi ratificada dous anos despois pola
Audiencia Provincial de Pontevedra. “Entón decidimos solicitar o
indulto, que foi denegado no mes de decembro, polo que agora volvemos
a solicitalo”, lembrou o secretario comarcal da CIG de Vigo,
Serafín Otero.
Deste
xeito, tal e como denuncian dende as tres centrais maioritarias, os
dous traballadores afectados atópanse á espera de que o Xulgado
lles comunique o ingreso en prisión, tras o que terán 10 días para
facelo. “Aplicáronlles o artigo 315.3 do Código Penal, atentado
contra os dereitos dos traballadores/as, cando o que debe de
prevalecer é o dereito de folga, tal e como indica a
xurisprudencia”.
E
iso a pesar de que, segundo comentaron durante a comparecencia, cando
foron identificados pola Policía española no marco da folga do
transporte da provincia de Pontevedra nas inmediacións da rotonda de
Bouzas “non se produciran incidentes”. Os propios afectados
explicaron que se atopaban no lugar canda outros 80 compañeiros/as
agardando pola celebración dunha asemblea informativa “na que se
ía dar conta do estado das negociacións do convenio”.
Neste
senso, o responsábel comarcal da central nacionalista considera que
se trata dunha sentenza política, “de carácter ideolóxico, coa
que pretenden criminalizar e reprimir as protestas da clase
traballadora “e que os movementos sociais e sindicais non lle
fagamos fronte aos recortes”. Así, quixo deixar claro que “imos
a seguir defendendo os dereitos da maioría social” a pesar desta
nova condena “totalmente inxusta a dous traballadores”.
Ao
mesmo tempo, Otero indicou que as tres centrais xa recolleron
máis de 3000 sinaturas entre
a cidadanía reclamando o indulto para os dous afectados e anunciou a
celebración dunha manifestación que partirá da Praza dos Cabalos
este domingo día 9 ás 11.30 horas. “Facemos un chamamento a toda
a veciñanza e os movementos sociais para que rexeiten na rúa este
novo ataque contra a clase traballadora”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario