Terá
que pagarlle 3.000 euros por dano moral, os 12 días de salario da
prórroga non concedida e as cotizacións á Seguridade Social dese
período
O
SERGAS vén de ser condenado a pagar unha indemnización de 3.000 €
por dano moral a un traballador ao que non renovou o contrato para
impedir que gozara do permiso de paternidade completo. Xunto a isto,
terá que pagar tamén os 12 días de salario da prórroga non
concedida e as cotizacións á SS dese período. O xulgado avala
deste xeito, as denuncias da CIG-Saúde por denegarse de forma
sistemática o dereito a gozar dos permisos regulamentados ao persoal
eventual.
O
SERGAS está a cubrir prazas vacantes, que son estruturais, con
contratos de acúmulo de tarefas, cada seis meses. Contratos que
renova mes a mes, “incrementando así a fragmentación da
contratación”, denuncia a CIG-Saúde. Un método ao que recorre
por mor da taxa de reposición que a propia administración impuxo
para a sanidade pública.
Xunto
a isto, o SERGAS está limitando o dereito a gozar de permisos
regulados por lei ao persoal eventual, negándose sistematicamente a
negociar unha regulación de permisos na Mesa Sectorial. A CIG-Saúde
lembra que a única regulación que recoñece o SERGAS é a negociada
na mesa sectorial no 2001, sen que houbera polo medio ningunha
actualización.
A
consecuencia disto, e cunha evidente mala praxe, o SERGAS para que un
traballador eventual contratado baixo a modalidade de acúmulo de
tarefas, non puidera seguir gozando do dereito o permiso de
paternidade, denegou a renovación dese contrato. Unha vulneración
de dereitos fundamentais que foi denunciada diante do xulgado polo
traballador a través da asesoría da CIG.
No
decurso do xuízo quedou demostrado que efectivamente houbo
vulneración de dereitos fundamentais e que a non renovación do
contrato tiña como obxectivo evitar que o traballador puidera gozar
do permiso de paternidade polo tempo que lle tería correspondido.
Diante
disto, o xulgado emitiu sentenza condenando ao SERGAS a indemnizar ao
traballador por dano moral cunha compensación económica de 3.000
euros máis a cantidade correspondente aos 12 días de salario da
prórroga non concedida e a cotización á Seguridade Social
correspondentes a ese período.
Ningún comentario:
Publicar un comentario