O pasado venres 10 de xuño, no BOP n.º 110, anunciouse a publicación definitiva do orzamento para o 2016, polo que a escusa da entrada en vigor do orzamento para que o goberno municipal proceda ao pagamento da extra adebedada de 2012 non é válida desde ese momento. O certo, é que como temos comentado, non era máis que unha escusa porque o Concello xa a podía ter pagado, ao igual que realizou outros gastos antes de aprobar o orzamento. Diego Fernández indicounos en múltiples ocasións que no momento en que entrase en vigor o orzamento se procedería ao pagamento, polo momento nada sabemos nin temos coñecemento de se se pagará xunto coa nómina do mes de xuño, o goberno municipal non nos informou sobre esta cuestión mais nos vindeiros días preguntaremos de novo por ela.
Como vedes, xunto co orzamento publícase o cadro de persoal para o ano 2016. Por primeira vez publícase no Boletín o catálogo dos postos orzamentados para este exercicio económico, isto si que é unha novidade, ao igual que aconteceu nas pasadas semanas coa publicación dos salarios de todo o persoal na páxina web municipal. É obvio que hai cousas que están cambiando no Concello e non debe ser cousa do goberno municipal, que durante anos procurou manter na recámara os temas de persoal, mais en todo caso, benvidos sexan os cambios se son para ben e a transparencia da Administración pública no que a persoal se refire, porque coñecendo todas as partes e todo o persoal a información en igualdade de condicións poderemos negociar a consecución da igualdade de condicións laborais tamén para todo o persoal.
Ningún comentario:
Publicar un comentario