Ao finalizar a reunión da Comisión Negociadora do pasado 20 de xuño o Comité preguntoulle ao goberno municipal pola devolución da paga extraordinaria pendente do ano 2012. O concelleiro de persoal confirmou que está previsto que se pague coa nómina deste mes de xuño, por tanto nos vindeiros días. Seis meses despois podemos dicir que non foi sen tempo.
A maiores, e unha vez que finalizou a Mesa de Negociación de funcionarios, Diego Fernández informou que xa se está pechando o prego de cláusulas para a contratación da empresa que asesorará nos traballos de elaboración dunha nova Relación de Postos de Traballo, que a elaboración da devandita proposta terá un período de elaboración cunha data de finalización, para que non se alongue no tempo e que o goberno municipal prevé que o contrato á empresa de asesoramento sexa dun período máis extenso no tempo que a contratada en 2014 e que finalmente non elaborou a RPT e simplemente asesorou no proceso de negociación do novo convenio e acordo colectivo, de xeito que poida asesorar no proceso de posta en marcha da nova relación, dun posible futuro Plan de Emprego e mais iniciar o camiño para a consolidación de postos do persoal laboral.

Ningún comentario:
Publicar un comentario