28/06/16

O pasado 20 de xuño a Comisión Negociadora ratificou o convenio colectivo do persoal laboral

O pasado 20 de xuño a Comisión Negociadora do convenio colectivo, composta desta volta por todos os membros do Comité de Empresa e mais a representación por parte do goberno municipal, ratificou de xeito definitivo este texto que achegamos a todo o persoal nos días anteriores. Nesta reunión simplemente e por parte da CIG sinalamos algúns erros que atoparamos e mais solicitamos a inclusión dunha cláusula na que non repararmos antes e que constaba no acordo de funcionarios e non no convenio de laborais relativa á gratificación extra para os traballos realizados os días 24 e 31 de decembro e 5 de xaneiro. Igualmente, ampliouse a vixencia do convenio ata o 31 de decembro de 2017, tendo en conta que aínda está por finalizar o proceso de tramitación e que non tiña moito sentido que finalizase a vixencia en decembro deste mesmo ano.

A CIG a través do Comité tamén lle solicitou ao Concello a máxima celeridade para que vaia a pleno, e unha vez que supere ese trámite, para que se envíe canto antes ao organismo pertinente de cara á súa próxima publicación. Ademais solicitouse que no momento que entre en vigor se cree de inmediato a Comisión paritaria mixta de control e seguimento tendo en conta que a aplicación práctica dalgúns dos aspectos recollidos suporá un período de adaptación no que haberá que perfilar determinadas cuestións que vaian xurdindo. Igualmente solicitouse que no momento en que entren en vigor se fagan os trámites precisos canto antes para realizar o modificativo de crédito que suporía a aplicación das novas retribucións contempladas no convenio colectivo.

O concelleiro de Persoal informou que debido á inminente convocatoria do pleno do mes de xuño o previsible era que este texto fose para a súa aprobación no vindeiro mes de xullo e que ao documento o acompañarían os informes de intervención, secretaría e mais da empresa contratada e que asesorou nas negociacións deste proceso.

Canto ao acordo do persoal funcionario foi asinado co CSIF e UGT, a CIG, tal e como mantivo desde o principio abstívose tendo en conta que deberon ser os traballadores funcionarios en asemblea os que decidisen se querían ou non un novo acordo e transmitilo a través dos seus delegados sindicais na Mesa Negociadora.

Ningún comentario:

Publicar un comentario