O Secretario Xeral da CIG
interveu nunha conferencia na UdC sobre a non ratificación da Carta
Social Europea polo estado español
O Secretario Xeral da CIG
advertiu da precarización xeneralizada do mercado laboral por mor
das políticas adoptadas dende o inicio da crise. A visibilización
clara deste deterioro atopámola no feito de que a xeración de mozos
e mozas que se incorporan ao mercado laboral, estano a facer en
peores condicións que a xeración anterior.
Xesús Seixo lanzaba esta
advertencia no marco da conferencia que o pasado venres tivo lugar na
UdC para abordar a transcendencia da non ratificación da Carta
Social Europea revisada por parte do Estado español e da que a CIG
era unha das organizacións colaboradoras.
Na súa intervención, o
Secretario Xeral da CIG avaliou o impacto sobre os dereitos
socioeconomicos -mais tamén os civís-, que están a ter as medidas
adoptadas polos diferentes gobernos españois – a instancias de
institucións tan pouco democráticas como o BCE, o FMI ou a CE-
dende o inicio da crise no ano 2008.
Seixo, alertou da
progresiva perda de dereitos e o retroceso das condicións laborais
que se agochan baixo unha batería de medidas tendentes a consolidar
un modelo económico e social favorábel aos grandes grupos
económicos, en detrimento da maioría social. Reformas en materia de
contratación, xornada laboral, modificación substancial das
condicións de traballo, prestacións por desemprego, pensións
públicas ou negociación colectiva, “coa falsa xustificación de
tratarse de medidas de carácter conxuntural e absolutamente
necesarias para poder saír da crise”.
Para aplicar estas
medidas recorreuse ao argumento de que a crise no estado español
tiña moito que ver coas rixideces do mercado laboral “ou con estar
a vivir por riba das nosas posibilidades, ocultando deliberadamente
as verdadeiras razóns desta crise que transcenden á problemática
do mercado laboral e gardan fundamentalmente relación cun modelo
económico e financeiro altamente especulativo e concentrador da
riqueza”.
Precarización do mercado
laboral
Este conxunto de reformas
está a provocar unha precarización xeneralizada do mercado laboral,
que supera á contratación de carácter temporal e que afecta a
todos os sectores da clase traballadora. Así, Seixo aseverou que nos
atopamos ante un “verdadeiro atentado ao dereito do traballo”, na
media en que este muda como dereito tuitivo e protector da
parte máis débil das relacións laborais, a clase obreira, “para
convertelo nunha ferramenta ao servizo da competitividade e do
beneficio empresarial”.
Xunto a isto, dáse un
retroceso do modelo social e produtivo europeo, cunha consecuencia
inmediata: as novas xeracións de mozos e mozas incorpóranse ao
mercado laboral en peores condicións salariais, laborais e de
protección social, que a xeración anterior; e fano nun momento no
que a sociedade ten máis capacidade para xerar riqueza.
A este respecto,
denunciou os gravísimos ataques a unha ferramenta básica para a
clase traballadora como é a negociación colectiva. As reformas
nesta materia aprobadas polos gobernos do PSOE primeiro e do PP
despois, implican debilitar esta instrumento, individualizar a
atomizar a negociación e debilitar a clase traballadora mudando a
correlación de forzas a favor da patronal.
Deste xeito, advertiu o
Secretario Xeral da CIG, dificúltase, cando non se imposibilita, a
capacidade de resposta das traballadoras e traballadores, á hora de
evitar o recorte das condicións laborais que se están a dar na
actualidade, mais tamén “á hora de loitar para melloralas no
futuro”.
Seixo denunciou que estas
medidas teñen vocación estrutural e non conxuntural como se
pretende vender dende os gobernos, e que tampouco obedecen a razóns
técnicas, senón que teñen un marcado carácter ideolóxico. “Teñen
como principal obxectivo o de favorecer o incremento da marxe de
beneficios do capital a conta de empobrecer a clase traballadora”,
concluíu.
Ningún comentario:
Publicar un comentario