04/06/20

A CIG considera un paso insuficiente o Ingreso Mínimo Vital se non vai ligado a medidas a prol de emprego e salarios dignos



Defende a creación dun Salario de Inserción Laboral e Social para maiores de 18 anos e subir o SMI até o 60% do salario medio

A CIG considera que a aprobación do Ingreso Mínimo Vital (Real Decreto-Lei 20/2020, que sae hoxe publicado no BOE) pode ser un  avance, pero entende que a súa posta en marcha resulta insuficiente se non se liga con outras medidas que favorezan a creación de emprego estábel e de salarios xustos. Máis se cabe nun momento no que a agresividade  da reforma laboral xunto á fonda crise industrial que atravesa Galiza, imposibilitan ter ou acceder a un traballo digno.

Haberá ademais que comprobar como se compatibiliza na práctica este ingreso con outras axudas de carácter autonómico e ter en conta que non se van poder beneficiar traballadores e traballadoras precarias que, malia ter emprego non teñen uns ingresos suficientes para vivir dignamente, ou as persoas xubiladas e pensionistas que sobreviven cunhas pensións ridículas.

A este respecto, o secretario xeral, Paulo Carril, sinala que a CIG demanda dende hai anos a necesidade de instaurar un Salario de Inserción Laboral e Social, na contía do SMI, ao que poidan acceder as persoas maiores de 18 anos que non cobren ningún tipo de prestación económica. E parella a esta proposta, un incremento do SMI até o 60% dos salario medio (o que suporía situar o salario mínimo nos 1.200€), cumprindo así co establecido na Carta Social Europea.

Neste senso, Carril, lembra que, segundo datos do informe AROPE, preto do 50% da poboación galega está no camiño da pobreza, na pobreza ou xa na estrema pobreza.

Derrogación das reformas laborais e das pensións

En todo caso, o secretario xeral subliña que a CIG leva anos  defendendo todas unha serie de Propostas (como ILP polas 100 Medidas para a creación de emprego en Galiza, propostas da central sindical en materia laboral e social, etc.) "que agora, por mor da grave crise que vivimos, teñen máis vixencia e razón de ser que nunca".

Ademais, reitera que calquera medida destinada a garantir os ingresos salariais, debe completarse coa derrogación da reforma laboral de 2010 e de 2012, da reformas das pensións de 2010 e 2013, e cunha suba do importe da pensión mínima equivalente á do SMI; así como recuperar as prestacións e subsidios por desemprego nos termos anteriores á reforma de 2012.

Emprazamento aos grupos parlamentarios

"Desde a CIG emprazamos a todos os grupos parlamentarios  a que na tramitación deste Real Decreto-Lei 20/2020 que estabelece o Ingreso Mínimo Vital se tomen en consideración as nosas demandas e propostas, porque todas elas se refiren a cambios lexislativos necesarios para avanzar nunha posibilidade real de emprego, salarios e pensións dignas e nunha auténtica superación da exclusión social e da pobreza crecente", asevera Carril.


Ningún comentario:

Publicar un comentario