Arredor de medio
cento de familias acolléronse a esta iniciativa solidaria
O Plan de Axuda
Alimentaria Solidario da CIG que funciona dende hai anos en distintas
localidades do país está ampliando a súa cobertura como
consecuencia da crise derivada da pandemia do novo coronavirus e ante
a falta de resposta dos Gobernos español e galego á grave situación
que padecen milleiros de familias traballadoras.
Na actualidade xa
son arredor de medio cento de familias (preto de 130 persoas) as que
fan uso desta iniciativa baseada na solidariedade de clase, número
que se incrementou tras a modificación dos requisitos para acceder
ao reparto mensual da alimentos. Agora tamén pode beneficiarse do
plan de axuda alimentaria quen non cobrase a prestación por
desemprego nos primeiros 10 días do mes.
Dende a CIG animan a
todas as persoas afiliadas que precisen facer uso desta iniciativa a
poñerse en contacto coa súa Unión Comarcal para solicitar
información, ao tempo que lembran que todos os datos das persoas
beneficiarias son absolutamente confidenciais.
A central
nacionalista continúa coa recollida de alimentos e de fondos para
dotar o plan e fai un chamamento á solidariedade de clase para
manter viva esta iniciativa. Non esquezas participar e colaborar coas
túas achegas, ben entregando produtos de alimentación non
perecedoiros nos locais da CIG ou a través de achegas económicas,
tanto nas urnas colocadas para tal efecto como mediante o abono dunha
cota sindical extraordinaria voluntaria.
Tamén se pode
participar como voluntarios/as para recoller, seleccionar e almacenar
as achegas que posteriormente lle son entregadas ás persoas
solicitantes que cumpren os requisitos establecidos nas bases do plan
solidario.
Ningún comentario:
Publicar un comentario