Na reunión coa ministra, a central
tamén avogou por eliminar a taxa de reposición
Esta mañá celebrouse un encontro
virtual "meramente protolocario" da ministra de Política
Territorial e Administración Pública e as organizacións sindicais
presentes na Mesa Sectorial das AAPP, na que avanzou a intención do
Goberno español de modificar o Estatuto Básico do Empregado/a
Público/a pero só para regular o teletraballo e abordar a
problemática da temporalidade.
Sobre a primeira cuestión, simplemente
sinalou algunhas preguntas que se fai o propio Ministerio sobre
regular o teletraballo como algo obrigatorio ou voluntario, a tempo
parcial ou total e que a regulación teña carácter básico. E sobre
a segunda, tampouco adiantou en que se sentido se pretende realizar
esa “abordaxe” e simplemente se limitou a indicar que a
Administración Xeral do Estado conseguira reducir até o 8% a taxa
de temporalidade pero non así no resto das administracións.
Neste sentido a ministra afirmou que
pretenden facer unha modificación dos prazos do actual acordo de
estabilidade para poder levar ao 2021 (ou mesmo máis adiante) a
realización das OPE do 2017 e 2018 que están sen desenvolver ou
aprobar en moitas administracións públicas.
En canto á modificación puntual do
EBEP a ministra adiantou que se comezarían cos traballos a partir do
mes de xullo e que se concretarían a partir de setembro, dando a
entender que queren unha negociación rápida e que non van “abrir
o melón” de introducir outros cambios de calado no mesmo.
Oportunidade para darlle un volta ao
EBEP
Precisamente isto é que demandou a CIG
na súa intervención, comezando por criticar o Acordo de
Estabilidade e que se manteña a taxa de reposición e continuando
porque "se aborde dunha vez por todas unha fórmula legal que
permita reducir a temporalidade nas administracións públicas
mediante procesos de consolidación que teñen en conta as persoas
que levan anos en situación de fraude de lei".
Neste sentido, o sindicato lembrou que
a xurisprudencia europea deixa ben claro que as fórmulas
“denominadas de consolidación” incluídas no Acordo de
Estabilidade asinado por Montoro e os sindicatos estatais non valen
para o cometido (ou a escusa) coa que se venderon. Ademais, está
pendente tamén identificar cal é o réxime sancionador para as
administracións que incumpran a lei no referente á temporalidade.
A CIG tamén reclamou que calquera
reforma que se leve a cabo no EBEP ten que ter carácter de mínimos
para que sexa despois a Administración galega a que a desenvolva.
Así mesmo, "non se debería obviar un dos principais problemas
que se puxeron de manifesto co estado de alarma e a crise sanitaria,
e que ten que ver coas obrigas do persoal do sector público para a
tutela e coidados de fillos e fillas ou maiores a cargo".
Neste sentido, a CIG considera que debe
quedar blindada a opción do teletraballo cando sexa posíbel ou do
permiso retribuído cando o traballo desde a casa non sexa unha
opción, nos casos de que o persoal se vexa na obriga de coidar a
menores ou maiores a cargo.
Recuperar dereitos
O sindicato tamén lembrou que as
empregadas e empregados públicos manteñen a día de hoxe unha perda
de poder adquisitivo próxima ao 11% e uns recortes nas extras
(salario base e trienios) que dependen exclusivamente do goberno
central. "Cómpre que recuperemos os dereitos que o acordo
retributivo do anterior goberno do PP e dos sindicatos estatais
desprezaron. O dereito a mellorar as condicións da xubilación foi
outro dos aspectos que precisa melloras e que se puxo enriba da mesa.
Anular as reformas das pensións do 2011 e 2012, aínda non sendo do
ámbito de negociación desta Mesa, debe ser unha prioridade así
como a regulamentación do dereito á xubilación anticipada de todos
e todas as empregadas públicas".
Ningún comentario:
Publicar un comentario