Teletraballar
para conciliar / INFOGRAFÍA
O
teletraballo é unha poderosa ferramenta que axuda a compatibilizar a
vida laboral e a vida persoal/familiar a moitas persoas
traballadoras. É ben certo que esta fórmula non é factible en
todos os postos de traballo e que o seu emprego xera certos riscos
que deben ser controlados, pero sen dúbida a súa práctica en
momentos da vida laboral nos que outra alternativa pasa pola redución
da xornada ou incluso polo abandono do posto de traballo (xeralmente
para atender tarefas de coidados) pode supoñer para as persoas (na
maior parte mulleres) a continuidade da carreira profesional e da
percepción de ingresos. Aínda que esta fórmula ofrece vantaxes
tanto para empresa como para as persoas traballadoras, non está
estendida como alternativa á xornada laboral presencial. Quizá esta
situación mude a raíz da pandemia do COVID-19, que levou a moitas
empresas e traballadores/as a adoptar masivamente esta forma de
traballo para que a actividade económica non parase durante o tempo
de confinamento.
Seguramente cada persoa e cada empresa
falará da experiencia dunha forma distinta, pero o certo é que
durante este tempo as persoas traballadoras demostraron que outra
forma de entender a xornada laboral é posible.
Está por ver se esta experiencia
forzada polas circunstancias dará como froito o cambio de
mentalidade (en empresas e traballadores/as) necesario para que se
implemente o teletraballo como unha fórmula máis de prestación
laboral.
Como pode o teletraballo axudar a
conciliar?
Unha xornada de teletraballo ben
deseñada permite, gracias á flexibilidade horaria,
atender as necesidades dos horarios familiares sen desatender ás
tarefas laborais, é dicir permite conciliar a vida laboral e a vida
familiar.
O cambio de traballo presencial,
caracterizado por horarios ríxidos, supervisión continua das
tarefas e desprazamentos, a fórmulas de teletraballo require dunha
transformación no xeito de entender a propia natureza do traballo:
pasamos dunha cultura de presencia física a outra na que priman
os obxectivos definidos, a organización dos
tempos, a produtividade, a responsabilidade e
a confianza.
Este cambio de concepto afecta tanto ás
persoas traballadoras como ás organizacións. A implantación de
fórmulas de teletraballo para conciliar debe ser estudiada e
definida de forma que se establezan de forma clara por unha banda, a
porcentaxe de xornada que se realizará en formato de teletraballo
(dependendo dos requirimentos e as necesidades do traballo pode
realizarse toda a xornada en teletraballo ou unha parte da mesma e o
resto en formato presencial) e por outra banda, os obxectivos, as
tarefas a desenvolver e os prazos de entrega, as canles de
comunicación, os horarios de atención e contacto (para clientes,
outras persoas traballadoras da organización, etc.), posibles
reunións, presentación de resultados, etc., de xeito que se consiga
unha estratexia de traballo efectiva e xusta para ambas partes.
Unha boa implantación de políticas de
conciliación e de teletraballo xera beneficios tanto a nivel
individual como a nivel empresarial: as persoas que teletraballan
poden acadar con este modelo máis autonomía e liberdade para
xestionar asuntos persoais, aforran tempos e custos de
desprazamentos, conseguen unha mellor atención á vida familiar,
incrementan o grao de satisfacción e motivación e,
en definitiva, teñen a posibilidade de gozar dunha maior calidade de
vida. Para as organizacións, maior produtividade e compromiso das
persoas traballadoras, que conleva un mellor desempeño das tarefas,
aforro en tempos improdutivos e custos de mantemento das sedes
físicas e retención de persoas valiosas para a
organización.
Como se regula o teletraballo para
conciliar?
O Real Decreto Lei 6/2019 de
1 de marzo de medidas urxentes para garantía da igualdade de trato
entre mulleres e homes no emprego e na ocupación, que modificou o
establecido no artigo 34.8 do Estatuto dos Traballadores, recoñece o
dereito de adaptación da xornada, en duración, distribución e na
forma de prestación, que inclúe o traballo a distancia, a fin de
efectivizar o dereito á conciliación da vida familiar e laboral. As
persoas traballadoras poderán solicitar unha adaptación da xornada
en termos de flexibilidade horaria, cambio de quendas ou traballo a
distancia sen necesidade de reducir horas nin salario para conciliar;
estas adaptacións deberán ser razoables e proporcionadas en
relación ás necesidades da persoa traballadora e ás necesidades
organizativas ou produtivas da empresa.
Dentro da Negociación Colectiva
deberán establecerse as fórmulas, entre as que se atopa o
teletraballo, que permitan a conciliación, así como os
procedementos e requisitos de solicitude, duración da situación,
rexistro de xornada, etc.
Quen pode solicitar teletraballo para
conciliar?
O teletraballo é unha fórmula que
pode ser solicitada por calquera persoa traballadora sempre que se
precise conciliar a vida laboral e familiar para coidar a outros
familiares de ata segundo grao (fillos e fillas de ata 12 anos, avós
e avoas, país, nais e/ou irmáns e irmás). A xurisprudencia ten
admitido esta posibilidade en casos de fillos/as maiores de 12 anos.
Como pode solicitarse teletraballo para
conciliar?
É posible que o Convenio Colectivo
contemple esta alternativa e xa indique os pasos a seguir. Se non
fose así, é preciso realizar unha solicitude por escrito á
empresa; esta solicitude dará lugar a un proceso de negociación
entre a persoa solicitante e a empresa, que non debe exceder de 30
días. Unha vez finalizado este prazo a empresa debe respostar por
escrito indicando a súa decisión: aceptando, propoñendo outra
alternativa de conciliación ou negándose (neste caso deberá
motivar a súa decisión).
Se a empresa non contesta á solicitude
ou a denega, que se pode facer?
Se non hai acordo, poderase acudir ao
Xulgado do Social a través do procedemento establecido no artigo 139
da Lei 36/2011, Reguladora da Xurisdición Social, considerándose
exercicio dos dereitos de conciliación. A persoa traballadora ten 20
días para demandar dende a recepción da negativa ou dende que
pasaron 30 días sen contestación; unha vez admitida a demanda
deberá realizarse unha vista en 5 días e ditarse sentenza en 3
días, que non poderá ser recorrida.
Cando remata a situación de
teletraballo para conciliar?
En caso de que esta situación estea
recollida en Convenio Colectivo, é moi posible que xa se indique
cando se extingue a situación. Se non está recollido, a norma, Real
Decreto Lei 6/2019 indica que “a persoa traballadora terá dereito
a solicitar o regreso a súa xornada ou modalidade contractual
anterior unha vez concluído o período acordado ou cando o cambio
das circunstancias así o xustifique, aínda que non tivese
transcorrido o período inicialmente previsto”
Ningún comentario:
Publicar un comentario