04/06/20

Máis do 30% da poboación activa galega continúa en situación de desemprego


O número de persoas que están no paro ou afectadas por un ERTE supera as 400.000

A pesar do lixeiro descenso do paro rexistrado no mes de maio en Galiza (547 persoas) como consecuencia do leve aumento da actividade no sector da construción na provincia de Pontevedra, máis do 30% da poboación activa galega está no desemprego. En total, son 401.207 as persoas que se atopan no paro ou afectadas por un ERTE, o que significa que un de cada tres galegos/as en idade de traballar non o está a facer.

O número de persoas inscritas como desempregadas no mes de maio en Galiza acadou as 191.082, un total de 547 menos (-0.29%) que en abril. Nestas cifras non están incluídas as persoas afectadas por un ERTE, que segundo os últimos datos alcanzan as 210.125 no noso país. Se sumamos ambos datos, o número de persoas sen emprego nestes intres sitúase en 401.207, máis do 30% da poboación activa. 

O paro aumentou un 18,83% no que vai de ano. E dende o inicio da pandemia o número de persoas paradas aumentou en 24.853, ao que hai sumar as ducias de miles de persoas en ERTE. Fronte a esta dramática situación, a CIG incide na necesidade de aplicar un plan de emprego en Galiza baseado na demolición da reforma laboral, no investimento público e na participación pública no tecido industrial.

Segundo sostén o secretario confederal de Emprego e Industria, Fran Cartelle, o actual contexto fai que sexa moi urxente atopar solucións eficaces para a industria galega e demais sectores produtivos. “Hai que apostar pola creación de emprego digno con salarios decentes e evitar que a factura da crise sanitaria a paguemos os traballadores/as”.

Pasividade da Xunta

Neste senso, critica a pasividade amosada pola Xunta no que ten que ver coa crise que afecta o sector industrial galego, ao tempo que denuncia a insuficiente resposta do Goberno central para paliar os efectos sociolaborais da pandemia. “É necesario que a cobertura social inclúa un Salario de Inserción Laboral e Social para maiores de 18 anos, e subir o SMI até o 60% do salario medio como di a Carta Social Europea; e as prestacións deben calcularse en base ao SMI e non ao IPREM”.

Cartelle cualifica de “pouco ambiciosa” a resposta do Goberno central e censura que os 3000 millóns de euros do seu plan para as persoas vulnerábeis contrasten cos 60.000 millóns destinados a rescatar os bancos, cos 18.000 que se gastan en Defensa, cos 11.000 que recibe a Igrexa católica ou cos 11.000 cos que se rescataron as autoestradas.

Pontevedra, a provincia con máis ERTE

Os datos amosan que a provincia galega con máis ERTE é a de Pontevedra, na que se rexistran o 41% do total; séguelle A Coruña co 32%.


Ningún comentario:

Publicar un comentario