21/11/12

Negociación dunhas novas bases de axudas sociais


Nos pasados días o Concello enviolle unha nova convocatoria de axudas sociais ao Comité de Empresa de cara a comezar un proceso de negociación e mesmo tivo unha reunión informal coa representación do Comité onde o Comité lle deixou claras as súas condicións para que houbese un acordo con respecto a este tema que tanto dano ten feito no último ano, logo de que o Concello lle pagase as axudas de 2011 ao funcionariado antes que ao persoal laboral.

O 21 do pasado mes de marzo o Comité de Empresa rexistrou a súa proposta de regulamento de axudas sociais, que foi aprobada por unanimidade no Comité de Empresa e que mesmo meses antes foi tratada nunha asemblea de persoal laboral. Se algo tiñamos claro dende a CIG é que o feito de que as axudas sociais fosen inversamente proporcionais aos ingresos familiares era unha cuestión de xustiza neste Concello e que non iamos renunciar á proposta do Comité e á que fixeron múltiples achegas os traballadores só porque o Concello no seu texto volvese, unha vez máis, a intentar facer un reparto lineal sen ter en conta para nada criterios sociais. Baixo esta premisa de mudanza do eixe que vertebra o texto das axudas presentámonos á reunión co Concello e cómpre dicir que ata o momento o Concello parece ser compresivo e está a estudar a proposta de axudas deste Comité de cara a acordarmos unhas novas bases o antes posible.

Resulta sumamente inxusto que as axudas se repartan por igual cando as situacións non son iguais, dende a CIG sempre defendemos que ten que levar máis axudas quen menos ten, e tendo en conta que o alcance destas axudas sempre foi a unidade familiar do traballadores, o criterio para as repartir por lóxica teñen que ser os ingresos da unidade tamén. Máis aínda nestes tempos que corren e logo de que o PP nos roubase a paga extra este tipo de axudas son máis necesarias ca nunca, sobre todo para a maioría do persoal laboral que é submileurista e ao que cada vez lle custa máis chegar a fin de mes por culpa das políticas de redución de poder adquisitivo dos traballadores da Administración pública que teñen practicado tanto o PP como o PSOE nos últimos anos.

O Comité de Empresa, debido a que a reunión mantida co Concello era a nivel informal, e tendo en conta que os delegados sindicais aínda non teñen nin unha soa das actas das Mesas Xerais de Negociación do último ano, decidiu rexistrar por escrito a súa postura con respecto á proposta de convocatoria que lle presentou o Concello, podédela consultar aquí.


Axudas sociais escrito Comité

Ningún comentario:

Publicar un comentario