O
abaratamento da contratación indefinida non reverte a brutal
temporalidade do mercado de traballo de Galiza, onde máis do 93% dos
contratos son eventuais
Os
datos do paro rexistrado do mes de xullo confirman a mentira de que
esteamos nunha etapa de crecemento. Malia contabilizarse un descenso
nos datos de desemprego no mes de xullo (en Galiza baixou en 12.000
paradas/os), principalmente debido á estacionalidade e á
emigración, a precariedade e a temporalidade medran de xeito
imparábel, e dos 91.604 contratos asinados, tan só 5.466 se fixeron
baixo algunha das modalidades de contratación indefinida en vigor.
Así,
o mercado de traballo segue caracterizado por unha temporalidade
brutal: máis do 93% dos contratos de traballo en Galiza son
temporais e nin o abaratamento da contratación indefinida (está en
pleno vigor a denominada “tarifa plana”) nin a marea de mensaxes
do PP sobre as perspectivas económicas, poden ocultar este deterioro
do mercado laboral.
Un
mes máis, a contratación precaria volve ser a protagonista e se
durante xullo se asinaron en Galiza 91.604 contratos, tan só 5.466
foron indefinidos. A maioría do emprego creado o pasado mes ten un
carácter estacional, xa que a contratación temporal se incrementou
un 25,17% respecto de xuño, fronte á indefinida que só medrou un
1,20%.
A
CIG denuncia que estes contratos temporais levan aparelladas unhas
condicións laborais e salariais peores, o que á súa vez provoca
que haxa menor consumo e, polo tanto, que a economía siga estancada.
Xunto
a isto, a CIG alerta do alarmante incremento da pobreza que se está
a producir en Galiza, xa que hai 93.700 fogares con todos os seus
membros activos no paro. Ademais, un total de 118.100 persoas, o 42%
de desempregados/as leva máis de 2 anos en situación de desemprego
e xa non ten ningún tipo de axuda, segundo os datos da EPA do último
trimestre.
Para
o Secretario de Organización da CIG, Paulo Carril, estes datos
“confirman o fracaso das políticas económicas e laborais do PP, e
o deixamento de funcións e pregamento do Goberno de Feijoo ás
directrices do Goberno español, tal e como demostra o feito de que
as empresas continúen a executar EREs e a realizar despedimentos
masivos (aí están os casos de Atento ou Siemsa-GES), ao
tempo que asistimos na Galiza ao desmantelamento de sectores
industriais e económicos básicos para a creación de emprego de
cualidade e estábel. É dicir, máis paro, máis emigración,
máis precariedade e máis pobreza”.
Á
vista desta situación, a central nacionalista reitera que hai
alternativa, como o demostran as 100 medidas para o crecemento
económico e a creación de emprego propostas pola CIG a través
dunha ILP que foi rexeitada polo PP no Parlamento galego.
Pola
mesma razón, a CIG rexeita a apertura do diálogo social e a
sinatura –a pasada semana- dun Acordo entre o goberno, CCOO, UGT,
CEOE e CEPYME supón por parte destes sindicatos avalar tanto as
políticas do PP destes últimos anos, como as futuras, e dar un
“cheque en branco” ao goberno para aplicar as medidas ditadas
pola troika e a UE que foron as que nos levaron a esta situación.
Ningún comentario:
Publicar un comentario