26/02/15

A DISCRIMINACIÓN NON É A SOLUCIÓN!

Os privilexios duns poucos supoñen a sobrecarga de traballo dos outros

O Concello de Betanzos pretende desmantelar o servizo de limpeza mediante a sobrecarga de traballo a determinadas traballadoras mentres destina a outras a funcións non relacionadas coa limpeza.

Cada vez son máis os casos de discriminación entre o persoal ao servizo do Concello de Betanzos que provocan as queixas que os traballadores lle achegan ao Comité de Empresa e este ao Concello. O penúltimo capítulo vén da man da situación dunha traballadora á que lle foron engadindo locais e edificios municipais ata que na actualidade ten 9 centros de traballo asignados. Desde a CIG xa lle manifestamos ao goberno municipal en múltiples ocasións que hai un serio problema de efectivos neste servizo motivado polas baixas e as xubilacións que se negan a cubrir e que está a repercutir dun xeito directo no persoal en activo e que demostra que o Concello parece que pretende privatizalo mediante a non reposición de efectivos e simplemente dedícase a aturar a situación sobrecargando de traballo aos poucos que quedan.

Esta situación vese agravada pola existencia irregular de dúas prazas de conserxes en edificios municipais ás que o goberno destina a traballadoras da limpeza, quitándoas como efectivos deste servizo e o que leva anos provocando as queixas do resto das traballadoras que se senten discriminadas. Se o Concello entende que ten que haber máis conserxes nós entendemos que efectivamente esta Administración está falta de persoal e que debe crear e/ou cubrir pola vía da legalidade, é dicir mediante a creación e cobertura de prazas na Relación de Postos de Traballo, todos aqueles postos que son necesarios para o funcionamento do Concello mediante os procedementos establecidos pola lei para a cobertura destes, mais o que non é xustificable, é a discriminación duns traballadores pola vía da sobrecarga de traballo para o privilexio doutros pola vía da mellora dedocrática, é dicir, a ti si ou a ti non. 

Igualmente entendemos que neste Concello debería haber un catálogo de postos aptos para a segunda ocupación, posto que os excesos no traballo veñen derivando en continuas baixas e non sería estraño que no futuro de sucedesen as solicitudes de segunda ocupación para desempeñan outras funcións adecuadas ás características psicofísicas individuais.

O Comité de Empresa presentará, máis un vez, unha queixa formal pola gravidade desta situación e solicitará unha reunión co concelleiro de Persoal para trasladarlle as queixas dos traballadores e mais manifestarlle o seu total rexeitamento a este tipo de política discriminatorias. 

De verdade tanto é pedir para este goberno municipal que cubra os postos de traballo ao abeiro da lexislación vixente e deixe de privilexiar a uns traballadores para aumentar a carga de traballo aos restantes? 

IGUALDADE DE TRATO XA! 


BASTA DE DISCRIMINACIÓNS! 

Ningún comentario:

Publicar un comentario