31/05/17

Paulo Carril, elixido novo secretario xeral da CIG

O Congreso Confederal escolleu tamén a Executiva Confederal e a Comisión de Garantías


O VII Congreso Confederal remataba a última hora da mañá deste domingo elixindo á nova Executiva Confederal e a Paulo Carril Vázquez como novo secretario xeral da CIG, en substitución de Xesús Seixo. Concluía así o proceso de renovación de cargos e organismos confederais coa posta a punto do ideario programático e no cal se definiron e aprobaron as liñas que guiarán a acción sindical da CIG no vindeiro período.

Tanto para a Executiva Confederal como para a Secretaría Xeral ou a Comisión de Garantías presentábase unha única candidatura. A da Executiva Confederal foi referendada por 506 congresistas (95%), 22 votaron en branco e 3 emitiron voto nulo. Mentres, Paulo Carril Vázquez resultaba elixido novo secretario xeral, con 511 votos (96%), 17 brancos e 3 nulos.

Reforzar a organización como mellor defensa da clase obreira

O  novo secretario xeral foi o encargado de clausurar o VII Congreso cunha intervención na que chamou a reforzar o asemblearismo, a participación, a construción da organización, a seguir na contestación social permanente e no compromiso constante "como mellor defensa dos intereses da clase traballadora galega". Un propósito na liña do lema elixido para este proceso congresual: "Coa CIG somos máis fortes". Polo que, destacou, cómpre seguir traballando para que a CIG sexa un instrumento reivindicativo útil e capaz, con competencia para ofrecer alternativas e solucións para a clase obreira.

Por iso, enviou unha mensaxe a toda a militancia: debemos ser colectivamente atrevidos/as á hora de lanzar as nosas alternativas, para termos presenza nos centros de traballo e pórse á fronte das loitas sociais. Este será o camiño para lograr a toma de conciencia da nosa explotación de clase e nacional, "no obxectivo da transformación revolucionaria que o noso proxecto estratéxico defende dunha Galiza ceibe e sen explotación".

Un proxecto en confronto directo coa ofensiva do capitalismo neoliberal, caracterizado pola inxente concentración da riqueza e que pula por consolidar unhas relacións laborais altamente precarizadas e individualizadas. Neste senso, Carril foi moi crítico co papel xogado pola Unión Europa na imposición deste sistema, coa "obediencia cega" do goberno español ás instrucións ditadas pola troika e "co papel servil" da Xunta de Feijoo "incapaz de tomar ningunha iniciativa a favor do desenvolvemento económico e social de Galiza".

Neste contexto, defendeu que a CIG ten que ser o principal activo para enfrontar esta situación, levando aos centros de traballo unha mensaxe que transforme a resignación, o individualismo, a pasividade e os medos, en afiliación, organización, participación sindical e acción colectiva organizada".

Acumular forzas de cara a unha folga xeral

Lembrou que a central nacionalista leva meses defendendo que é o momento de acumular forzas e mobilizármonos para chegar á convocatoria dunha folga xeral que obrigue ao PP a retroceder nas súas posicións antiobreiras e antisociais. "Unha folga xeral para demostrar a nosa disposición á resistencia, á loita pola recuperación dos nosos dereitos e como a mellor defensa ante unha inminente e regresiva reforma das pensións", aseverou.

Porén, censurou o "papel submiso" das centrais UGT e CCOO co goberno español e a patronal, que nestes momentos "cociñan un novo pacto social e un novo Acordo Estatal de Negociación Colectiva", e colaborando deste xeito coa perda de dereitos, a aplicación da reforma laboral e das novas formas de empobrecemento da clase traballadora.

Tamén tivo palabras criticas o novo secretario xeral da CIG coas forzas da oposición e da esquerda no Parlamento español, incapaces até agora de aproveitar a perda da maioría absoluta do PP para promover proxectos de lei encamiñados a derrogar as contrarreformas laborais e as políticas austericidas.

Carril salientou a urxencia de "rescatar" os nosos sectores produtivos básicos para crear emprego digno e a "urxente necesidade" de pór o desenvolvemento da economía ao servizo da maioría social. Obxectivos para os que "precisamos ter capacidade de decidir. Non queremos que sigan decidindo máis por nós nin os de fóra, nin os banqueiros, nin os especuladores".

"Dende a CIG chamamos, aínda nestes tempos duros, a participar nunha contestación social permanente e dun compromiso constante para avanzar na conquista dun sistema económico ao servizo da clase traballadora, sen explotación e na que o pobo galego, a nación galega, poida existir en pé de igualdade con todos os pobos e nacións do mundo", concluíu.

Delegacións convidadas

Ademais das/os congresistas, na clausura do VII Congreso participaron numerosas delegacións convidadas de organizacións políticas, sociais e culturais de Galiza e de organizacións sindicais internacionais.


Ningún comentario:

Publicar un comentario