A Sección sindical da CIG do Concello de Betanzos celebra unha nova sentenza favorable ao persoal laboral que reclama os seus dereitos en materia de retribucións. Non obstante, lamenta profundamente que o Concello de Betanzos, capitaneado polo PSOE e por María Barral obrigue ao persoal a xudicializar as reclamacións laborais máis básicas dos seus traballadores e traballadoras.
Desta volta, o Xulgado do Social n.º 4 vén de lle dar a razón ao persoal que reclamou a inxusta absorción dos trienios no Complemento Persoal Transitorio recollido no Convenio Colectivo. A sentenza obriga ao Concello a pagarlle os atrasos ao persoal desde a entrada en vigor do Convenio colectivo no ano 2017 ata a actualidade e recoñece que o Concello de Betanzos detraeu unhas cantidades que non debía deixar de percibir o persoal nin debían ser absorbidas no Complemento Persoal Transitorio, minguando as súas retribucións.
O Concello remitiulle ao xulgado o acordo que se adoptou na Comisión Paritaria do 11 de maio de 2018 co anterior Comité de Empresa e a Resolución da Alcaldía na que adoptaba o criterio de aplicalos desde o 1 de xaneiro de 2018. O xulgado recoñece con esta sentenza que esa aplicación debe realizarse desde a entrada en vigor do devandito convenio, é dicir, desde abril de 2017 e condena ao Concello a pagarlle os atrasos á persoa que demandou. O Concello, pola súa parte, e como xa nos ten acostumados, defendeu non só a súa pésima xestión neste asunto senón que o persoal non debía cobrar segundo estes criterios desde a entrada en vigor do Convenio e si desde que a data que a el lle petou, sete meses despois da entrada en vigor do texto e coa conseguinte perda salarial para o persoal afectado.
Logo desta sentenza, o goberno de María Barral, debería recapacitar seriamente sobre as decisións e as resolucións que adopta en prexuízo do persoal do Concello e facela extensiva ao resto do persoal municipal que sufriu esa resolución no momento, coa consecuente perda retributiva independentemente de que decidise acudir ou non ao xulgado do social defender os seus intereses, porque do contrario a única lección que se podería tirar desta situación é que a única vía para defender os intereses dos traballadores e traballadoras deste Concello, e aínda máis agora que ten un Comité de Empresa amigo e que lle deixa facer ao seu antollo, é a vía xudicial.
Desde a CIG animamos ao persoal a seguir defendendo os seus dereitos ata o final ante un goberno municipal que desestima sistematicamente as solicitudes dos traballadores e traballadoras como estratexia de desánimo para que o persoal non exerza os seus dereitos e alentado por sindicatos que din que as cousas se amañan doutro xeito, cando o único que amañan en realidade son intereses particulares.
Ningún comentario:
Publicar un comentario