A CIG do Concello de Betanzos achegoulle estes días por rexistro as súas propostas con respecto á reunión sobre a Oferta de Emprego Público e a proposta para a consolidación de emprego no Concello de Betanzos.
A grandes trazos as propostas da CIG con respecto a esta proposta son as seguintes:
A CIG entende que nesta negociación se someteu a debate un único punto da orde do día que se debería desagregar en tres diferentes. Por un lado, a Oferta de Emprego Público de postos puramente vacantes, é dicir, non ocupados provisionalmente por ningún tipo de persoal e que non sob obxecto dun proceso de consolidación e que entendemos como necesaria e urxente polas necesidades de persoal desta Administración local derivadas do sometemento durante os últimos anos á taxa de reposición; por outro lado, entendemos que se debera tratar a Oferta de Emprego Público que lle afecta aos postos obxecto de consolidación e que non van supor ningún incremento de efectivos no Concello, e, por tanto, non hai tanta premura coma nos do primeiro grupo, e finalmente, e por outro lado, deberan negociarse os criterios para os procesos de consolidación que veñen nun outro apartado.
A CIG está de acordo con que o Concello de Betanzos aprobe unha Oferta de Emprego Público para o ano 2021 de xeito urxente e que inclúa a totalidade dos postos vacantes e que na actualidade non están ocupados de xeito provisional por persoal laboral e que a proposta do Concello se incremente con varios postos que non aparecen incluídos mais que entendemos que deberan incluírse como as prazas de operario/a de limpeza viaria funcionario/a e mais laboral, outra de condutor/a laboral e unha de arquitecto/a. Tamén entendemos, tal e como explicamos, que debido á situación de falta de persoal no Concello é prioritaria a incorporación de novos efectivos e, a seguir, deberan realizarse os procesos de promoción que se propoñen para unha parte do funcionariado.
Con respecto á Oferta de Emprego Público para os postos ocupados provisionalmente por persoal laboral temporal e que non supoñen a incorporación de novo persoal a esta Administración local, a CIG solicita A PARALIZACIÓN DO PROCESO DE CONSOLIDACIÓN ata que se aclaren os cambios no Estatuto Básico do Empregado Público que se están negociando a nivel estatal e que o goberno do Estado pretende levar adiante proximamente. Entendemos que no momento actual, con traballadores que levan en fraude de lei máis de trinta anos e cunha normativa que desde o ano 2005 indicaba que tiñan que ser obxecto de proceso de consolidación non é tan urxente levar adiante este proceso nun momento de cambios a nivel estatal e que resulta máis axeitado agardar a que a Administración estatal aprobe as correspondentes directrices para os futuros procesos de consolidación.
Consideramos que a Oferta de Emprego Público das prazas do persoal laboral obxecto de consolidación que presenta o Concello de Betanzos para a negociación é claramente inxusta e discriminatoria para unha parte do persoal laboral deste Concello, xa que por un lado recolle na documentación a totalidade das prazas que son susceptibles de consolidación ao abeiro da disposición transitoria 4.ª do RDL 5/2015 mais por outro lado selecciona con base a un criterio non recollido na lexislación os postos que decide ofertar primeiro.
A CIG entende que a RPT do Concello do Concello incumpre a Lei 2/2105 do emprego público de Galicia e mais o Convenio colectivo do persoal laboral ao non recoller a totalidade dos postos e prazas que na actualidade están orzamentadas no cadro de persoal do Concello de Betanzos (BOP n.º 61, do 5 de abril de 2021), e tamén que a disposición transitoria mencionada enriba non fai ningún tipo de exclusión relacionada coa Relación de Postos de Traballo e que, por tanto, a inclusión de certas prazas na Oferta de Emprego Público do ano 2021 é un criterio político de selección e discriminatorio e non legal.
Finalmente, e con respecto aos criterios propostos para a consolidación do emprego no Concello de Betanzos e, en concreto, canto aos criterios xerais de escolla dos postos que se deben ofertar na Oferta de Emprego Público discrepamos na distribución en grupos e, tal e como indicamos con anterioridade, entendemos que a totalidade dos postos do persoal laboral susceptibles de consolidación/estabilización deben ser obxeto de idéntico tratamento para evitar as discriminacións entre os traballadores e traballadoras. Así mesmo, e por outro lado, propoñemos que o tratamento da proposta para os postos distinguidos como obxecto de consolidación e o dos que aparecen como de estabilización sexa unitario e uniforme, en favor dos criterios recollidos para consolidación, máis beneficiosos para os traballadores e traballadoras que deben superar estes procesos.
Podedes consultar o documento presentado aquí:
Ningún comentario:
Publicar un comentario