10/01/12

Entrega da proposta definitiva do convenio ao Concello

Logo da asemblea de traballadores convocada polo Comité de Empresa antes de finalizar o ano e de todas as achegas que moitos compañeiros e compañeiras nos fixeron nesa mesma xuntanza e ao se pór en contacto connosco por diversas vías, nos vindeiros días entregaráselle ao Concello a proposta definitiva de convenio con todas as modificacións e explicacións que moitos e moitas de vós considerabades necesarias e que así serán recollidas.

Independentemente de que a proposta definitiva sexa entregada cómpre lembrar que o proceso de negociación aínda está por comezar e que se aínda hai temas que considerades que quedaron no tinteiro aínda estades a tempo de nolos trasladar. Así mesmo, neste mesmo mes os delegados e delegadas da CIG comezaremos a traballar na proposta de Regulamento de axudas sociais que presentaremos para debate no seo do Comité de Empresa para que posteriormente este llo traslade ao Concello.

Unha vez máis queremos agradecer o apoio e as propostas achegadas á asemblea convocada o pasado mes, porque dende a Sección sindical da CIG do Concello de Betanzos considerabamos necesario contar coa opinión dos compañeiros e compañeiras para tomar unha decisión tan importante e informar dos pasos que se seguen neste tipo de procesos de negociación.


Ningún comentario:

Publicar un comentario