Na reunión ordinaria do mes de febreiro do Comité de Empresa a CIG achegou a este órgano a súa proposta de regulamento de axudas sociais. Tal e como constaba nos compromisos de traballo da CIG e como levamos meses reclamándolle ao Concello a distribución e reparto das axudas sociais neste Concello presenta múltiples problemas que fan dubidar ao persoal na concesión e reparto e mesmo nos propios criterios.
Dende a Sección sindical da CIG levamos defendendo nos últimos meses que as axudas que o Concello a día de hoxe tira do Fondo de acción social non son máis que axudas económicas, posto que serían axudas sociais no momento en que se tivesen en conta criterios verdadeiramente sociais. A día de hoxe as axudas son lineais e nós defendemos que teñan en conta a situación económica do persoal, é dicir, que, por exemplo, teña máis axudas para os estudos dos fillos quen menos cobra e máis o necesita e máis aínda nos tempos que corren que cada día isto é máis necesario.
Tendo en conta que esta proposta que é o eixe da que a CIG presentou no Comité entendemos que ao Concello isto non lle supón custo ningún e aínda por riba beneficia a unha grande maioría do persoal, nomeadamente do persoal laboral que como norma neste Concello cobra menos que o funcionariado e aínda por riba é moito maior en número. Esa proposta foi a única presentada no Comité e foi apoiada por todos os seus membros. Para alén da definición dun cambio no criterio de reparto das axudas este novo regulamento clarifica ben o procedemento administrativo que cómpre seguir e abre o camiño cara a unha maior transparencia na solicitude, reparto e concesión destas axudas.
Agradecemos o apoio de todo os membros do Comité a esta proposta presentada pola CIG posto que pode supoñer unha distribución máis xusta do Fondo de Acción Social do Concello e será en beneficio de todo o persoal laboral e o Comité presentaralle ao Concello nos vindeiros días a proposta definitiva, que será negociada xunto co convenio, posto que conforma o anexo IV da proposta de novo convenio para o persoal laboral.
Ningún comentario:
Publicar un comentario