Na última reunión, da que xa falamos aquí, con respecto á que os delegados e delegadas sindicais fomos convocados, o Concello achegou uns datos xerais sobre as axudas que veñen a ser os seguintes:
Solicitudes: 41 funcionari@s e 54 laborais
Orzamento fondo de acción social: 23.000 euros
Contía total solicitada: 26.696 euros
Pol@s funcionari@s: 11.118,87 euros
Pol@s laborais: 15.572,02 euros
Cantidade solitada pro riba do orzamento: 3646,89 euros (un 13,85 % máis)
A proposta do Concello era descontar proporcionalmente a axudas a todas as solicitudes, por parte da CIG a proposta sobre este tema, levada á reunión ordinaria do Comité de Empresa do mes de marzo e apobada en solitario pola CIG e unha delegada independente, foi rexistrar unha comunicación ao Concello coa postura acordada e onde se lle indicou o seguinte, logo de que o Concello cometese distintas irregularidades en todo o proceso, coma en ocasións anteriores:
Unha parte dos membros do Comité de Empresa non dispón da relación de solicitudes admitidas nin da documentación para poder emitir proposta de distribución de acordo ao recollido no Comité de Empresa. O Concello, pois, independentemente de que decida que haxa unha parte do persoal que se ten que abster na proposta, decisión coa que este Comité non está de acordo, non pode ocultar a documentación a unha parte do Comité e debe facilitarlla ao se tratar de documentación relativa ás axudas sociais do persoal laboral. O Concello négalle a este Comité, pois, a documentación necesaria para poder realizar a proposta recollida no Convenio colectivo e incumpre en varios puntos as bases aprobadas polo Pleno con respecto ás axudas sociais.
Con respecto a estes feitos, o Comité de Empresa reunido na súa sesión ordinaria do mes de marzo, acordou comunicarlle ao Concello o seguinte:
Segundo indican as bases xerais das axudas sociais o órgano encargado da aplicación e distribución destes fondos é a Mesa Xeral de Negociación, que en ningún momento foi convocada con tal finalidade.
Todo o proceso do expediente das axudas sociais 2011 adoece de irregularidades que vulneran as bases aprobadas no pleno e o convenio colectivo do persoal laboral.
Aínda así, e a pesar de que o Concello non facilite a documentación a unha parte dos membros do Comité decidimos achegarlle as seguintes propostas:
1. Que se fagan públicas as listaxes das axudas sociais concedidas, e que se indique, cando menos, o concepto e a contía concedidos, tal e como se recolle nas propias bases acordadas por acordo plenario.
2. Que os acordos da Xunta de Goberno Local, no caso de que lle afecten ao persoal laboral se lle trasladen ao Comité de Empresa coa maior brevidade posible.
3. Que se cumpran as bases xerais e as bases da convocatoria de axudas do ano 2011, aprobada segundo Resolución da Alcaldía n.º 830, posto que o Concello está a incumprir as bases da convocatoria en distintos puntos.
4. Que as axudas sexan concedidas, tal e como se indica, proporcionalmente aos meses traballados nesta Administración.
5. Que no caso de non existir suficiente partida orzamentaria se faga unha redución non proporcional, senón baseándose en criterios sociais como a renda familiar ou de xeito inversamente proporcional ao salario, xa que consideramos que unha distribución proporcional sería inxusta, tendo en conta as contías polos distintos conceptos solicitadas polo persoal e as diferenzas salariais existentes nesta Administración entre o persoal laboral e o persoal funcionario.
Sen máis, o Comité de Empresa dá por comunicada a decisión tomada na reunión ordinaria do mes de marzo e lémbralle que non pode facer a proposta de distribución das axudas porque o Concello lle denega a documentación relativa ás axudas sociais do ano 2011 e vulnera así o acordado no convenio colectivo con respecto ao fondo de acción social.
A proposta foi entregada nos prazos indicados polo Concello coa finalidade de que estas puidesen ser pagadas xa coa nómina do mes de marzo, se así será ou non xa é cousa do Concello, a pesar de que na propia convocatoria indicaba que serían pagadas coa de febreiro.
Polo demais, o que si que observamos é que o funcionariado bota man destas axudas moito máis que o persoal laboral, que o feito de que haxa unha partida orzamentaria única repartida por igual non é xustificable posto que o persoal laboral ten uns soldos, polo xeral, moi inferiores ao funcionariado e aínda por riba é moito máis numeroso, mais todo isto entendemos que deberá formar parte do debate xeral que acompañe a nova proposta de bases reguladoras do fondo de acción social xa entregado ao Concello.
Ningún comentario:
Publicar un comentario