14/03/12

Os concellos estrearán a reforma laboral en abril

Nova tirada da páxina nacional da CIG e, á súa vez, do blog Xanerrasti

Pensabamos que o grego era un modelo que se podería aplicar aos estados europeos que sufrisen crises financieras. Porén, converteuse en algo máis. A partir de agora é tamén un modelo para estruturar as relacións dentro de España entre o estado e as administracións territoriais, sexan estas comunidades autónomas ou administracións locais.

Se no tratado patrocinado por Alemaña para complementar os Tratados da Unión Europea se prevén controis e sancións desde Bruxelas cara aos estados membros, o mesmo modelo quere aplicarse ás relacións entre o estado central e as comunidades autónomas na futura Lei de estabilidade orzamentaria que desenvolva o pacto constitucional de setembro pasado entre PP e PSOE. Mais no caso das administracións locais xa se deu un paso máis alá, ao estilo grego: todas aquelas que necesiten o apoio do estado para pagaren as débedas acumuladas cos provedores pasan a estar intervidas, como Grecia. Xa sabemos cal é o esquema: se tes débedas e necesitas a axuda financeira de arriba, tes que aplicar un plan de axustes e someterte ao control estrito desde arriba do cumprimento do teu axuste. E, desde logo, ese axuste vai doer.

Así se estabeleceu no Real decreto-lei 4/2012, do 24 de febreiro, cuxo obxecto é permitir a cancelación polas entidades locais das súas obrigacións pendentes de pagamento cos seus provedores, derivadas da contratación de obras, subministracións ou servizos. Para iso o interventor do concello ou deputación deberá enviar ao Ministerio de Facenda unha relación certificada de todas as débedas pendentes de pagamento a contratistas, informando o pleno da corporación, antes do 15 de marzo. Deixando aparte cal é o sistema para financiar o pagamento polas corporacións locais desas débedas, o grave vén despois. Antes do 31 de marzo (de novo xusto despois das eleccións andaluzas) o pleno de cada concello e deputación debe aprobar un “plano de axuste” (o mesmo nome que en Grecia, podían ser máis orixinais). Lean o artigo 7 dese Real decreto-lei. Ese plano de axuste plurianual vincula a corporación de cara aos seus orzamentos futuros, mais non é soamente un estado de ingresos e gastos previstos, senón que debe recoller a descrición e o calendario de aplicación das reformas estruturais que se vaian implementar, así como as medidas de redución de cargas administrativas a cidadáns e empresas e ademais pode incluír modificación da organización da corporación local. O plano de axuste debe enviarse ao Ministerio de Facenda ao día seguinte da súa aprobación polo pleno da corporación.

Mais o control, obviamente, non remata aí. Como no caso de Grecia, a progresiva liberación de fondos e a continuidade do apoio financeiro está condicionada ao cumprimento do plano de axuste, controlado estritamente desde arriba. O Real decreto-lei 7/2012, aprobado no último Consello de Ministros e publicado no BOE do sábado 9 de marzo, prevé non soamente que o interventor da corporación emita un informe anual sobre o cumprimento do plano de axuste, senón que dá facultades á Intervención xeral do Estado para levar a cabo o seu propio control. E hai que ter en conta que o estado pode reter os fondos que ha de liberar aos concellos e deputacións como participación nos tributos estatais en función do cumprimento das súas obrigacións.

Este sistema implica, desde logo, un severo recorte da autonomía de concellos e deputacións e podería expor dúbidas de compatibilidade cos artigos 140 e 141 da Constitución. Mais ninguén acredita xa en que o Tribunal Constitucional, se for chamado a pronunciarse, o faga en contra desta norma. Independentemente de calquera outra consideración, todo o mundo conta coa obediencia dos seus maxistrados ao Goberno do que de facto depende o seu nomeamento, como vén sucedendo nos últimos meses cada vez que se cuestiona algunha medida de recorte. Suponse que niso consiste a razón de estado.

Pois ben, a estas alturas ninguén dubida de que eses planos de axuste implicarán o despedimento masivo de persoal laboral das administracións locais (tamén de persoal fixo), algo que se verá cando se sometan ao pleno de cada unha os respectivos Plans polos Interventores, ou sexa, xusto despois das eleccións andaluzas (como todo). Así se estreará a previsión introducida no artigo 51 do Estatuto dos Traballadores polo Real Decreto-Lei 3/2012 de reforma laboral respecto das causas de despedimento económico do persoal das administracións.

Mais aínda así resta un problema: hai concellos que funcionarizaron boa parte dos seus empregados e non poden axustar persoal por esta vía. Outros, aínda que puidesen facelo, toparían cadros de persoal descompensados, dado que non poden despedir todo o persoal laboral encargado de tarefas de mantemento, xardinaría, etc. –que alguén debe facer– e ao mesmo tempo deixar ocioso o persoal funcionario de oficinas, que ademais adoita cobrar máis (por certo que o tema das retribucións nas corporacións locais merecería un debate serio). Por iso é polo que un rumor insistente fale, para despois das eleccións andaluzas (evidentemente), dun novo Decreto-lei (estamos a 12 de marzo e este ano van sete Decretos-leis: o parlamento xa é totalmente innecesario salvo como cámara de ratificación): aparecería en España o despedimento de persoal funcionario, aplicábel tamén ás comunidades autónomas e ao propio estado para o seu futuro axuste, tras a Lei de orzamentos. Estaremos atentos.

Ningún comentario:

Publicar un comentario