Diante das noticias publicadas nos últimos días sobre o “enfrontamento” da CIG co Goberno Municipal e a UGT do concello de Betanzos, en exercicio do dereito de réplica, a CIG quere manifestar que, despois de todas as lexislaturas de goberno do PSOE no concello de Betanzos e a total hexemonía da UGT durante ese período no Comité de Empresa, cando a CIG accedeu a este órgano de representación acadando a maioría absoluta atopouse coa seguinte situación:
1. Unha falta total e absoluta de respecto por parte do Goberno Municipal á representación dos traballadores, feito que, segundo nos comentaron anteriores delegados, xa se producía en anteriores lexislaturas. Esta mala xestión é a que fai que de mais de cen traballadores laborais do concello de Betanzos ningún teña a praza fixa. Téñase en conta que algún leva mais de 20 anos traballando para o concello.
2. Un sistemático incumprimento das normas e regulamentos propias do concello de Betanzos, convenio colectivo, regulamento de axudas económicas, sistemas de provisión de postos, etc.
3. Discriminación manifesta entre distintos traballadores á hora de aplicar as normas e regulamentos mencionados no punto anterior e a lexislación vixente.
Se a este panorama lle engadimos que nin a UGT nin o Goberno Municipal asumen que a CIG ostenta a maioría absoluta da representación do persoal laboral do concello de Betanzos e que os acordos dos órganos adóptanse por maioría, podemos facernos unha idea clara do que esta a pasar neste concello.
A CIG no concello de Betanzos o único que pretende e que se respecte a legalidade vixente en materia de xestión de persoal e que todos os traballadores deste concello teñan igualdade de trato. Se tanto a UGT como o Goberno Municipal asumen como propio este obxectivo verán como a relación coa CIG non vai supoñer ningún problema. Se, polo contrario, pretender manter a situación actual nos atoparan sempre en fronte, posicionados ao lado do interese da maioría do colectivo.
Ningún comentario:
Publicar un comentario