16/05/12

UN ANO DESPOIS


Por volta destes días hai un ano este blogue botaba a andar coa ilusión dun novo horizonte de defensa dos intereses do persoal laboral do Concello de Betanzos. Ata aquel momento a información para o común dos traballadores sempre fora máis ben escasa, o escurantismo era a estratexia seguida polos distintos gobernos municipais para unha doada manipulación do persoal, coa que tristemente en moitos casos colaboraban algúns compañeiros funcionarios ao ofrecer información inexacta, negar dereitos recoñecidos por lei e desinformar dependendo de quen solicitase información.

Daquela un grupo de compañeiros e compañeiras co apoio indispensable da CIG e dos seus asesores decidimos abrir un camiño no que non atopamos máis que pedras dende o comezo, o certo é que sabiamos que a tarefa non era doada mais tamén que o terreo non era ermo e que eran precisan moitas doses de ilusión, vontade e fortaleza para termar de todo o que viña enriba. Hai uns días, nunha xuntanza da sección sindical, botamos a ollada atrás e intentamos recompilar un pouco o traballo realizado e facer a oportuna análise á vez que falarmos sobre os principais obxectivos da CIG neste Concello unha vez iniciado este duro camiño.

A información e as canles de información da CIG do Concello téñense demostrado máis que útiles e por primeira vez a información sobre os temas laborais do Concello é de carácter público e de coñecemento para o persoal. Neste traballo xogou un papel fundamental a nosa páxina web www.cigconcellobetanzos.blogspot.com, que logo dun ano e con máis de 6000 visitas demostra que é un eixe fundamental de información, aínda así non menos importante é a difusión do noso voceiro "Abrindo camiños" que conta xa con 14 números e que sempre intentamos distribuír entre o máximo número de traballadores.

O 13 de xuño o Comité de Empresa actual cumpre un ano, por primeira vez na historia sindical do Concello o persoal laboral decidiu darlle a maioría á CIG que nunca antes tivera representación, e os delegados e delegadas da CIG intentamos dende ese momento amosar o noso agradecemento coa loita pola mellora da situación do persoal laboral. Daquela presentabamos uns compromisos de traballo que trataban temas como o acceso e provisión de postos, a promoción interna, a loita contra as discriminacións, un novo convenio, o fondo social, a xornada e calendarios, a prevención de riscos laborais e a loita contra a privatización dos servizos públicos. Hoxe decatámonos de que a pesar da dificultade da situación da Administración houbo algúns avances e o traballo comezou a dar os seus froitos, o persoal non permanente xa ten dereito a días de asuntos propios e accede ás axudas sociais, constituíuse a Mesa Xeral de Negociación, o Comité aprobou unha nova proposta de convenio que xa se está a negociar, intentamos que a información sobre o fondo de acción social fose de coñecemento para todo o persoal e presentamos unha proposta para un reparto deste fondo máis xusto, entre outras moitas reclamacións de problemas puntuais que se teñen feito nos últimos meses.

Fundamentalmente houbo un cambio no procedemento onde deixamos as negociacións a porta pechada a un lado e tentamos que todo o persoal teña coñecemento dos temas que lle afectan no traballo. No camiño descubrimos moitas eivas e problemas que o persoal laboral deste Concello arrastra dende hai tempo e que motivan as importantes diferenzas existentes fronte ao funcionariado, entre elas podemos destacar un goberno pouco sensible ás demandas do persoal laboral, a existencia de certos compañeiros funcionarios pouco proclives á colaboración cos laborais ou á consecución de melloras por parte do persoal laboral, un departamento de Persoal onde se ten ofrecido moita información errada, tendenciosa e discriminatoria dependendo de quen pregunte, un discurso moi forte en contra da CIG pola escasa predisposición aos cambios nunha Administración onde estatus entre laborais e funcionarios se pretendeu diferenciar dende as propias nóminas, e uns compañeiros do Comité de Empresa da UGT que en múltiples ocasións demostraron estar do lado do Concello no canto do dos traballadores e se cadra aínda dificultaron máis a solución nos conflitos laborais existentes.

Os delegados e as delegadas da CIG do Concello de Betanzos iniciamos o camiño con clara vontade de diálogo, vontade que en ningún momento apoucou a inciativa de empregar os procedementos administrativos como soporte aos primeiros encontros co delegado de Persoal e co propio alcalde, sempre lembrando que nunha administración o que non se rexistra e non está por escrito non existe tentamos acostumarnos a rexistrar todas as reclamacións, solicitudes, comunicacións ou peticións para poder ter un soporte documental no caso de que a vía do diálogo non fose frutífera.

Durante meses acudimos a reunións co concelleiro de Persoal de todo tipo, non se ofreceron explicacións de moitos conflitos postos sobre a mesa e mesmo nalgunha ocasión non houbo opción ao diálogo, por iso comezaron as actuacións, logo de observar que o Concello cada vez tiña unha actitude peor cara á representación legal do Comité de Empresa e os propios delegados sindicais, primeiro foi a demanda de tutela das liberdades sindicais, que a día de hoxe está recorrida, logo foron as demandas por despido improcedemente de oito compañeiros do GRUMIR que están pendentes do xuízo que ao longo de moitos anos o Concello non foi quen de regularizar a situación e nos últimos tempos mesmo houbo que recorrer á prensa que tristemente se demostrou como unha ferramenta eficaz, e dicimos tristemente porque iso demostra o único que lle importa a un Concello onde había un claro conflito con respecto ás axudas sociais que viña dende hai tempo mais que non se solucionaba é o que pensan os de fóra e non o que pensamos os traballadores.

Unha vez feita a reflexión cómpre mirar cara adiante, obviamente cunha experiencia que antes non tiñamos e cuns coñecementos moito maiores da situación do persoal mais tamén do xeito de proceder do propio Goberno municipal que de cara á galería di unha cousa e de portas para dentro adoita facer outra ben distinta. Agora que coñecemos o procedemento da patronal é cando realmente podemos loitar polas melloras, ben é certo que son tempos difíciles, mais tamén ben é certo que este Concello en materia de persoal está ancorado no pasado, a pouco que se mellore, haberá compañeiros e compañeiras que o noten, e sobre todo, o que é moi importante, é que todo o persoal teñan un coñecemento real da súa situación laboral mais tamén da dos compañeiros para que non enganen á xente con falsas promesas e todos e todas sexamos quen de defender os nosos dereitos en moitos casos descoñecidos mais que existen dende hai ben tempo.

 -----------------------------------------------------------------------------------------------------------------------------------
Raquel Fernández, Jorge Amarante, Marcos Dopico, Mónica Núñez e Silvia Muíño.

Ningún comentario:

Publicar un comentario