03/02/13

O Concello róuballe á CIG o dereito a voto na Mesa Xeral de Funcionarios

O pasado venres 1 de febreiro estaba convocada a Mesa Xeral de Negociación de Funcionarios con motivo da negociación do seu acordo regulador. A CIG como sindicato foi convocado á devandita Mesa posto que a negociación do funcionariado é en todo caso cos sindicatos mentres que o do convenio do persoal laboral ten que ser exclusivamente co Comité de Empresa. 

Nada máis chegamos o CSIF fixo unha proposta saltándose por completo a orde do día e co consentimento do Concello, que a CIG non tivese dereito a voto na Mesa Xeral de Funcionarios porque ao parecer estaban anoxados porque a negociación de laborais ía bastante por diante que a do funcionariado e, a maiores, como quixeran ter na constitución da Mesa Xeral de Negociación unha representatividade que non lles correspondía, e o Concello recuou para seguir o marcado pola lei.

Dende a CIG ficamos abraiados ante a pretensión do CSIF apoiada polo Concello de excluír a un dos sindicatos máis representativos da Mesa Xeral de Negociación chegando a un acordo que non só semella ilegal senón que ademais vai na contra dun acordo ao que se chegara na constitución desta mesma mesa o 8 de febreiro de 2012. A propia acta desa reunión que se lle achegou á CIG xunto coa convocatoria indica que a representación da Mesa Xeral de Funcionarios quedaba constituída en función da representatividade neste sector, por iso o CSIF tería 3 votos, CCOO 2 votos e a CIG 1 (UGT nin sequera asiste a este órgano por iso nin se menciona). Por parte da CIG simplemente lle deixamos claro ao Concello que nesa negociación a CIG tiña que ter dereito a voz e voto e que o resto acordasen o que estimasen oportuno que nos tomaríamos inmediatamente as medidas que nos vemos na obriga de tomar. A partir dese momento abstivémonos de comentar nada porque o CONCELLO NOS ROUBOU O DEREITO A VOTO, nin sequera nos deixou claro en calidade de que nos convocaran á reunión.

Para resumir:

-O Concello convoca á representante da CIG á Mesa Xeral e lle rouba o dereito ao voto.
-O Concello vai contra os acordos das sesións da Mesa Xeral.
-O sindicato maioritario que representa aos funcionarios non quere saber nada do persoal laboral e pretende excluír aos representantes deste dos órganos de negociación aos que lexitimamente pode acudir.


Por parte da CIG temos claro o que temos que facer ante un Concello ao que non lle gusta a democracia e que pretende roubarnos o dereito ao voto, tristemente non é a primeira vez que acontece algo semellante, casualidade ou non, parece que sempre é ao mesmo sindicato ao que se lle pretende roubar o dereito ao voto, quitar a representatividade que lle corresponde, non permitirlle facer o seu traballo ou achegar documentación tarde, mal e arrastro.

Ningún comentario:

Publicar un comentario