10/11/13

O Comité lémbralle ao Concello que está incumprindo o dereito de información aos representantes dos traballadores

Que o Concello de Betanzos lle oculta información ao Comité de Empresa non é nada novo, nin que hai documentación que non lle entrega dende o ano 2011. A fin de contas, con esta actitude o único que demostra é que non quere achegar a documentación que  informe sobre as irregularidades cometidas en materia de persoal polas consecuencias que esta poida ter, mais isto tampouco quita que o Comité continúe co seu traballo e desta volta lle veña de lembrar ao Concello que sistematicamente dende o ano 2011 leva sen entregarlle ningunha notificación das prórrogas dos contratos do persoal laboral contratado ao abeiro de subvención. 

Por isto, o Comité lembroulle que a Lei do Estatuto dos Traballadores no seu artigo 64 e no que ten que ver cos dereitos de información, consulta e competencias do Comité de Empresa indica o seguinte que o Comité de Empresa terá dereito a recibir copia básica dos contratos e notificación das prórrogas e das denuncias correspondentes a estes no prazo de dez días seguintes a que tivesen lugar”.Ademais, indicoulle que na actualidade, e dende xuño do ano 2011, o Concello nunca lle entregou a este Comité de Empresa notificación das prórrogas de ningún contrato, cando temos coñecemento de que hai persoal contratado ao abeiro de subvencións que anualmente debe asinar unha prórroga contractual e lembroulle que o Concello, ao non lle entregar esta información ao Comité de Empresa está a vulverar un dos dereitos de información do Comité de Empresa e o recollido na Lei do Estatuto dos Traballadores.

Esta solicitude de información sobre os contratos do persoal contratado ao abeiro de subvención, súmase ás veces que o Comité lle ten preguntado verbalmente ao concelleiro de Persoal por diversas situacións sobre as que o Concello non di nin chío e que nestes pasados días saíron publicadas na prensa (nova / nova) e que demostran que o Concello lle oculta deliberadamente información ao Comité de Empresa sobre a situación do persoal, posto que non só non lle achega a información cando este a solicita por escrito e verbalmente senón que esta información chega antes á prensa que ao propio persoal, o que di moito da situación de falta de diálogo co persoal laboral que existe a día de hoxe no Concello de Betanzos.

Ningún comentario:

Publicar un comentario