Celebrou a súa VI asemblea o pasado sábado, día 1 de marzo, en Compostela
O
Sector de Local da CIG-Administración celebrou, o pasado sábado, a
súa VI asemblea, na que resultou elixido como secretario nacional
Xabier Rodríguez Cerdeiro. No decurso da mañá debatéronse as
liñas de acción sindical arredor das que xirará o traballo do
sector nos vindeiros catro anos e analizáronse as consecuencias das
políticas impostas polo Partido Popular, nomeadamente a perda de
dereitos laborais e salariais e o desmantelamento, na práctica, da
administración local tras da aprobación da "Lei de
sostenibilidade e racionalización da Administración Local".
Foron
precisamente as políticas impostas polo PP e as súas consecuencias
as que suscitaron maior debate porque poucos meses despois da última
Asemblea Nacional –celebrada hai catro anos- estas obrigaron ao
sector a mudar a liña de acción sindical acordada. E é que neste
período aprobouse, primeiro, o Decreto Lei 8/2010, que supuxo a
perda dunha media dun 5% nas súas retribución ademais doutros
dereitos e a partir de aí varios decretos máis que continuaron
recortando tanto as retribucións, como outros importantes
dereitos adquiridos. Entre outros subliñaron o RDL 20/2012 que
“supuxo un grave prexuízo especialmente en aspectos como as baixas
laborais con descontos nas retribucións, diminución do días de
vacacións, permisos e licenzas, ampliación da xornada e recorte de
horas sindicais”.
Do
mesmo xeito, denunciaron a redución á mínima expresión da
negociación colectiva, o que obrigou a centrar o traballo sindical
en organizar e levar a cabo diferentes concentracións,
manifestacións e outra medidas de protesta social en contra de todos
os estes recortes, que na maioría dos casos foron secundados por
outros sindicatos. Porén, subliñaron que “en importantes ocasións
tivemos que saír solos a rúa por exemplo na folga xeral do 27 de
xaneiro do ano 2012 data na que os sindicatos estatais estaban
asinando o aumento da idade de xubilación co goberno estatal”.
Malia
a escasa marxe de negociación que lles quedou tras se aprobar as
reformas laborais o sector de Local salientou os seus esforzos por
oporse á aplicación dos diferentes decretos nas mesas de
negociación dos concellos galegos e naqueles que non foi posíbel,
“procuramos minimizar os efectos devastadores que para as
empregadas/os públicos supoñía a implantación de medidas que nos
facían retroceder varias décadas respecto aos dereitos adquiridos”.
Lei
de Sostenibilidade e Racionalización da Administración Local
Con
todo, salientaron pola súa especial gravidade, a probación en 2013
da Lei de Sostenibilidade e Racionalización da Administración
Local, que abre as portas ao desmantelamento da Administración
local. O sector de local da CIG-Administración lembra que máis alá
de solicitar a súa retirada fixéronse diversos actos de protesta
para impedir a súa aprobación que finalmente se levou a cabo no mes
de decembro entrando en vigor curiosamente o día 28 (Santos
Inocentes).
Ante
o alcance e as consecuencias desta lei, o sector concluíu que
“estamos, sen dúbida, ante o maior ataque aos traballadores/as do
noso sector pois a pretensión principal desta Lei e reducir
drasticamente as competencias dos Concellos para que determinados
servizos pasen a depender das Deputacións Provinciais e da Xunta de
Galicia e outros deixaranse de prestar co conseguinte perigo de
despedimento para moitos/as empregados/as públicos do sector local”.
Por
iso acordaron centrar o seu labor nos vindeiros anos en rexeitar a
aplicación desta lei, nomeadamente naqueles aspectos que poñan en
perigo os postos de traballo de calquera empregada/o da
administración local e continuar manifestando a súa oposición á
aplicación da taxa de reposición de efectivos “favorecedora da
privatización dos servizos e da precariedade laboral nas
administracións públicas”.
Respecto
da Policía Local, salientaron que en cada Concello o cambio de grupo
levouse a cabo de distintas formas, por mor das eivas da Lei de
Coordinación. “Aqueles máis afortunados conseguiron realizar o
cambio con incremento das súas retribucións polo cambio de grupo,
mentres outros levaron a cabo este cambio absorbendo este incremento
da produtividade e mesmo no complemento especifico”.
No
relativo aos servizos de extinción de incendios, ademais dos
Bombeiros municipais, pasaron a formar parte do sector os bombeiros
que traballan nas empresas concesionarias dos parque privados. A este
respecto lembraron que a alarmante situación creada pola Xunta e
Deputacións pola aposta polos parques comarcais privados e
comarcalización dos municipais sen negociación da modificación das
condicións de traballo obrigou a reaccionar de inmediato,
convocándose importantes manifestacións pola defensa dun servizo
público galego de emerxencias diante do Parlamento, Consellería e
das Deputación de A Coruña e Lugo.
Presenza
nos centros de traballo
Para
enfrontar esta situación, de cara aos vindeiros anos, marcáronse
como obxectivo situar á CIG como principal referente no sector,
reforzando a posición que xa ten no mesmo e mobilizar ás
compañeiras e compañeiros nos centros de traballo, para que
participen activamente nas accións de protesta sindical e social que
se poñan en marcha contra as políticas do PP.
Para
iso, subliñaron a necesidade de incrementar a presenza nos centros
de traballo e de manter ás traballadoras e traballadores
permanentemente informadas/os antes, durante e despois das
negociacións. Xunto a isto, valoraron tamén a necesidade de
implicar na vida sindical a delegadas e delegados, garantindo unha
formación sindical axeitada en materia de dereitos e garantías
sindicais e o ideario, funcionamento, criterios a seguir na
negociación colectiva e as directrices do sindicato en materia de
estratexia, acción sindical, distribución da información e demais;
incrementar a afiliación, como base principal do sindicato e, de
cara ás próximas eleccións sindicais consolidarse como segunda
forza no sector.
Negociación
colectiva
O
sector de Local sinala, no relatorio a debate na Asemblea, as
diferentes condicións de traballo entre uns concellos e outros por
mor da falla de regulación e a consecuencia de que estas son
estabelecidas “por capricho do edil de turno, con criterios
caciquís e carentes de obxectividade”. Considera que esta é a
causa pola que moitas empregadas e empregados públicos locais non
gozan de algúns permisos e licencias, carecen de fondos sociais,
anticipos... e as súas retribucións “baséanse nas prefixadas
polo Goberno do estado ou polo Alcalde de forma arbitraria, sen
ningunha posibiliddae de negociar nada”.
Por
iso estabelecen a necesidade de homologar esas condicións de
traballo e para iso consideran imprescindíbel dotarse dun marco de
relacións laborais propio para as administracións públicas
galegas. Porén sinalan que “isto estará condicionado pola forza
coa que sexamos capaces de defender estas propostas no proceso
negociador da Lei de Función Pública Galega”.
O
sector de Local tamén se marca como obxectivo reducir a
temporalidade na administración local; procurar estabelecer por
todos os medios, nos convenios colectivos e acordos marco cláusulas
de revisión salarial automática, de cara a evitar futuras
desviacións do IPC; pelexar por acadar a xornada laboral de 35
horas; defender a creación de fondos de acción social constituídos
polo menos co 1% da masa salarial de cada ámbito de negociación;
loitar contra o adiamento da idade de xubilación e defender a
xubilación parcial voluntaria das empregadas e empregados públicos.
En
materia de seguridade e saúde laboral exixirá a constitución dos
servizos de prevención propios, tendo en conta a particularidade dos
distintos centros de traballo; avaliación de riscos para a
seguridade e a saúde dos empregados e empregadas públicas en cada
centro de traballo; constitución inmediata dos Comités de
Seguridade e Saúde estabelecidos na Lei, coa dotación axeitada de
medios para o seu funcionamento; garantir dentro dos servizos
públicos de saúde, polos que deben poder optar todos os
traballadores e traballadoras de forma individual, o aceso a
recoñecementos médicos completos e periódicos, a inspección das
condicións sanitarias e hixiénicas dos locais de traballo, à
realización de campañas informativas e preventivas de riscos para a
saúde e aos estudos sanitarios e epidemiolóxicos necesarios, así
como a inclusión de protocolos médicos específicos nos centros de
traballo e recoñecementos médicos, urolóxicos e xinecolóxicos
voluntarios, con carácter anual.
Acción
Sindical
Dada
a actual situación, a VI Asemblea do sector de Local da
CIG-Administración acordou centrar a súa acción sindical en facer
fronte aos recortes laborais, das retribución e a destrución de
emprego nas administracións públicas. Xunto a isto, acordaron
centrarse na defensa do público, reclamando a supresión das
diferentes modalidades de privatizacións xestoras dos entenes
públicos así como das asistencias técnicas. Comprometéronse, xa
que logo, a defender a xestión directa dos servizos públicos
locais, con empregados/as propios/as das corporacións, opoñéndose
a que “os servizos básicos prestados aos cidadáns se convertan en
negocio para empresarios privados pois merman a calidade do servizo,
producen precarización das condicións laborais e, xeralmente,
provocan o encarecemento das taxas e prezos públicos que soporta a
cidadanía”.
Outro
dos elementos no que farán fincapé durante este período será na
normalización da lingua galega na administración local. Por iso
defenderán que nos acordos e convenios colectivos figure unha
regulación sobre o dereito das/os empregadas/os públicas/os ao uso
da lingua galega e o cumprimento polas respectivas administracións
da Lei de Normalización Lingüística de Galiza.
Para
levar a cabo todos estes compromisos entenden que a actividade
sindical da CIG non debe cinguirse exclusivamente nin á mesa de
negociación anual, nin ao proceso de eleccións sindicais. “Debemos
ser partícipes do seu facer diario, do día a día. Esta é a única
forma de evitar que os dereitos se convertan en favores”,
concluíron.
Ningún comentario:
Publicar un comentario