20/04/15

Comités de Seguridade e Saúde, tarde, mal e arrastro

A saúde e a seguridade laboral son unha das grandes materias pendentes deste Concello. O Comité de Seguridade e Saúde constituíse, entendemos que por primeira vez, nesta lexislatura logo dunha denuncia na Inspección de Traballo dos delegados de prevención laborais a instancias da CIG. Cada convocatoria que se fixo e cada tema que se tratou foi a instancias dos delegados de prevención, que mesmo tiveron que denunciar na Inspección provincial a nave ruinosa na que traballaban compañeiros como o pintor, que foi finalmente clausurada, ou a situación de inseguridade que padeceu o persoal laboral da Casa do Concello durante as obras de amaño do edificio.

Non hai que esquecer que este Concello nin contaba con plans de prevención de riscos laborais (obrigatorios por lei) nos diferentes edificios e nin sequera plan de emerxencia en lugares como a Escola Infantil Municipal que a mutua elaborou recentemente. Cando este Comité de Empresa comezou os traballadores e traballadoras levaban catro anos sen revisións médicas, que foron realizadas tempo despois e logo de moita insistencia, aínda que o que realmente fica pendente son as revisións específicas que valoren como o traballo dos distintos postos repercute no persoal correspondente.

Desde o Comité de Empresa  e desde a CIG sempre tentamos buscar vías de diálogo de cara a amañar as problemáticas relativas á seguridade e saúde laboral, sen deixar de lado a transcendencia deste tema e entendemos que é de máxima importancia especialmente para moitos compañeiros e compañeiras de servizo. Unha vez máis, foi un delegado de prevención da CIG o que solicitou xa hai máis dun mes a reunión trimestral do Comité de Seguridade e Saúde cuxo periodicidade non foi quen de cumprir este goberno municipal nin unha soa vez desde hai tres anos.

A día de hoxe os delegados de prevención aínda están á espera dos informes do técnico da mutua que pasou polos edificios (mutua que polo que parece levaba anos cobrando do Concello sen facer nin un só traballo, porque ata que todo isto botou a andar practicamente non había rastro dela) e de que o Concello convoque a primeira reunión do Comité de Seguridade e Saúde do ano 2015.


Ningún comentario:

Publicar un comentario