As prioridades do goberno municipal son claras, as festas por riba de todo. Non hai outra razón para pensar que a día de hoxe están sen resolver concursos de provisión de máis de quince postos de traballo de servizos básicos (Policía, Servizos Sociais, Limpeza e Obras) mentres mantén ao persoal contratado a dedo por unha empresa para a Feira Medieval e que conta con despacho propias nas Oficinas da Casa do Concello.
Non é o primeiro ano que esta contratación é obxecto de conflito cos representantes do persoal laboral, que como lle teñen dito en varias ocasións ao goberno municipal, segundo selecciona a través dun concurso público a unha persoa para conducir a Diana Cazadora, aínda cando este posto non existe na RPT nin está subvencionado, podería contratar persoal, non caso de ser necesario, mediante a figura de acumulación de tarefas, tamén cun concurso público de méritos. Que é o que hai detrás da negativa do Concello a contratar a un traballador ou traballadora pública neste caso descoñecémolo mais o que é unha realidade é que contrate o Concello á empresa que contrate (porque non todos os anos é a mesma) si que coincide a persoa á que lle montan un despacho con ordenador e medios municipais no segundo andar da Casa Consistorial.
Ben é certo, que se a persoa contratada non é un traballador público, os representantes dos traballadores non teñen dereito a saber HORARIOS, SALARIO E CONDICIÓNS LABORAIS, mais tendo en conta que a todo o persoal no acceso á Administración pública se lle exixen uns requisitos e unhas condicións que ao persoal contratado a través dunha empresa non XA ESTAMOS A FALAR DUN TRATO DISCRIMINATORIO.
Os representantes do Comité de Empresa, reunidos co concelleiro de Persoal, transmitíronlles as queixas porque cada vez hai máis tempo persoal contratado para a Feira e foi o propio concelleiro o que indicou que esta persoa estará nas dependencias ata o vindeiro 25 de agosto, por tanto, que non engane a ninguén, isto non é persoal contratado para un evento, é persoal que contrata de apoio para un determinado departamento e que DEBERÍA SER CUBERTO CUN POSTO DUN EMPREGADO PÚBLICO. Así mesmo, tal e como lle trasladou o Comité, esta persoa en moitas ocasións que viña a cidadanía a preguntar cuestións relativas á Feira, nin sequera estaba, e eran outros compañeiros non relacionados coa área, os que tiñan que informar sobre temas sobre os que pouco sabían porque a información neste Concello é máis ben escasa e ao final quen o paga son os veciños e veciñas deste Betanzos. Tamén lle trasladou as queixas porque nada máis chegou A TRABALLADORA DA EMPRESA O CONCELLO FACILITOULLE UN ORDENADOR EN BASTANTES MELLORES CONDICIÓNS QUE OS DE ALGÚNS COMPAÑEIROS QUE DEBERÍAN SER RENOVADOS POR NECESIDADE.
A cuestión está clara, e as prioridades tamén, desde a CIG desaprobamos completamente esta xestión do goberno municipal e DENUNCIAMOS PUBLICAMENTE A PRIVATIZACIÓN E O USO QUE UNHA EMPRESA FAI DAS DEPENDENCIAS MUNICIPAIS. Non sabemos se calquera empresa betanceira terá o mesmo dereito mais ao mellor é cuestión de anos que o CONCELLO DO PSOE DESPRACE AOS EMPREGADOS PÚBLICOS POR EMPREGADOS DE EMPRESAS PRIVADAS QUE POIDA MANEXAR e E ESCOLLER AO SEU ANTOLLO.
Máis grave aínda e de dubidosa legalidade é que unha persoa que non é traballadora pública e descoñece os dereitos e deberes dun empregado público, teña acceso a un computador municipal cos datos que este poida ter, así como a todos os expedientes que están nas mesmas oficinas da Casa Consistorial, cando en moitas ocasións mesmo ten quedado ao saír os empregados municipais. Desde a CIG consideramos esta cuestión gravísima porque non temos clara a responsabilidade dos compañeiros e compañeiras sobre os expedientes do departamento desde o momento que persoal de empresas privadas dispón de despachos nas oficinas municipais.
Máis novas relacionadas co tema:
Máis novas relacionadas co tema:
Ningún comentario:
Publicar un comentario