08/08/16

O convenio colectivo continúa paralizado e á espera dos informes de Intervención e Secretaría

Todas as previsións que levaba meses dicindo o concelleiro de Persoal eran que o convenio colectivo se sometería a aprobación plenaria no pasado mes de xullo, finalmente, non só non foi así, senón que na reunión mantida a semana pasada cos representantes do Comité de Empresa, mesmo xa nin deu moitas esperanzas de que vaia ir en agosto e seica (seica!) o máis probable é que vaia no mes de setembro.
O pasado 20 de xuño foi asinado por segunda vez e coas modificacións propostas polo organismo da Xunta correspondente, agora, seica só restan os informes da Intervención e Secretaría municipal para que se someta de novo á aprobación plenaria. Tamén sabemos, por outra banda, que non é a primeira vez que nos indican que determinado tema está para informar e a logo ninguén sabe nada, así que aínda que entendemos que efectivamente se pode deber á carga de traballo tamén a que o goberno ten as súas prioridades e en función destas funciona moitas veces o Concello.
En todo caso, volven os tempos en que non nos podemos fiar da palabra do concelleiro da área porque consideramos que catro anos de negociación e case ano e medio despois de que se chegase a un acordo si que vai sendo hora de finiquitar este tema dunha vez por todas e deixar de xogar co persoal. É verdade que non estamos en eleccións, que a situación non é a de pouco máis de un ano atrás mais tamén é verdade que xa resulta un pouco lamentable a xestión deste tema e que o goberno municipal debería resolver canto antes polo ben de todos e todas. Agardamos que nos vindeiros meses así sexa e informarémosvos puntualmente das novidades relativas a este tema.

O Comité solicitou nos pasados días unha copia do convenio asinado, da última versión coas modificacións, que unha vez que a teña estará a disposición de calquera traballador ou traballadora que queira consultala.

Ningún comentario:

Publicar un comentario