Considera que dos feitos
probados en sentenzas anteriores poden derivar delitos como
administración desleal, estafa e falsidade documental
O secretario xeral da
CIG, Suso Seixo, e o secretario nacional da CIG-Banca, Clodomiro
Montero, compareceron este venres en rolda de prensa para explicar o
contido da denuncia presentada no Xulgado de Instrución do Penal da
Audiencia Nacional, coa que se solicita que se investigue á cúpula
directiva da extinta Caixa Galicia. A denuncia baséase en sentenzas
da propia Audiencia Nacional que recoñecen como feitos probados
cuestións que a CIG entende que poden ser consideradas delitivas
como: administración desleal, estafa e falsidade documental.
Na denuncia solicítase,
en concreto, que se investigue a José Luís Méndez López, na súa
condición de exdirector de Caixa Galicia, a Mauro Varela Pérez,
como expresidente do Consello de Administración e ao resto dos
membros do Consello de Administración e do Comité de Dirección da
antiga Caixa.
Caixa Galicia considerada
insolvente xa en 2009
Respecto dos feitos
probados nos que se basea a denuncia da CIG, Clodomiro Montero
sinalou a sentenza pola que a Audiencia Nacional condenou a cadea aos
directivos de Caixa Nova, que recoñece como feito probado, xa no
punto primeiro, que Caixa Galicia estaba nunha situación de
insolvencia no ano 2009 en base ás argumentacións dos inspectores
do Banco de España.
Xunto a isto, Montero
lembrou que nas propias Actas de Inspección do Banco de España, que
son públicas, recóllese tamén que no mes de marzo de 2009 Caixa
Galicia estaba nunha situación de insolvencia, cunha previsión de
perdas esperadas de 1.279 millóns de euros.
Porén, sinalou que nas
asembleas xerais correspondentes ao exercicio 2008 e 2009, o Consello
de Administración da caixa presentou unhas contas nas que se
recollían uns beneficios de 225 millóns de euros no ano 2008 e de
91 millóns de euros no ano 2009.
Por iso considerou que
“alguén terá que explicar como pode, unha entidade que está
nunha situación de insolvencia, segundo a Audiencia Nacional e
segundo a Inspección do Banco de España, presentar beneficios
multimillonarios. Nós entendemos que aí hai unha actuación que
pode ser claramente irregular”.
Voto en contra das
contas, da xestión e da emisión de preferentes
O secretario nacional da
CIG-Banca lembrou que el mesmo, como representante da CIG na Asemblea
Xeral de Accionistas correspondente ao exercicio 2008, cando se
presentaron os beneficios de 225 millóns de euros, interveu para
manifestar a posición contraria da central sindical e votar en
contra do plan de xestión e desas contas, por entender que non
reflectían fielmente a situación da entidade.
Unha asemblea na que
Montero advertiu que as emisións de participacións preferentes que
Caixa Galicia pensaba realizar en marzo e setembro de 2009 “tiñan
a consideración de bonos lixo segundo a axencia de cualificación
Moodys” e opúxose a esas emisións. Un voto en contra que se
emitía mentres o Consello de Administración e a representacións
dos/as accionistas validaban co seu voto a favor a emisión de
preferentes. “Aí hai, polo tanto unha grave
responsabilidade”, considerou.
Xunto a isto Montero
salientou que esas mesmas contas presentadas nos órganos de goberno
cuns supostos beneficios de 225 millóns de euros nun ano e 91 noutro
foron utilizadas para presentar diante do Banco de España e máis da
Comisión Nacional do Mercado de Valores e “serviron para avalar
esas dúas emisións de preferentes no ano 2009. O cal nos parece
tremendamente grave e iso fundamenta parte da nosa denuncia”,
engadiu.
Sanción do Ministerio de
Economía
A todos estes feitos
probados Montero engadiu que tamén, no mes de xuño de 2010, o
Ministerio de Economía e Facenda abriu unhas actas de infracción
con resolucións sancionadoras contra Tasa Galicia, a
entidade que tiña Caixa Galicia para realizar a taxación de bens
inmóbeis, e que nesa sanción -que foi recorrida diante da Audiencia
Nacional e posteriormente validada pola propia Audiencia- se recoñece
“que as taxacións realizadas por Caixa Galicia adoecían de
múltiples irregularidades”.
Diante disto, a CIG
considera que todo parece indicar que “aquí realmente o que se
fixo foi deseñar unha estratexia para ocultar a situación de
insolvencia de Caixa Galicia en 2009 tanto contablemente como a
través da taxación”. Considera ademais que isto só se puido
facer a través dunha posíbel manipulación contábel” e “por
iso queremos que se investigue por parte da Audiencia Nacional”.
Comisión de
investigación do parlamento de Galiza
Pola súa banda o
secretario xeral da CIG, Suso Seixo, explicou que a central sindical
decidiu recorrer a denunciar esta situación diante dos tribunais de
xustiza pola “pobre e desilusionante” experiencia vivida na
Comisión de Investigación das caixas creada no seu momento no
Parlamento de Galiza.
Unha comisión na que a
CIG compareceu aportando documentación e datos diversos, pero que
despois foi paralizada polo propio Partido Popular, ao que
responsabilizou de impedir que se buscaran responsabilidades
políticas e persoais que permitiran aclarar o que realmente ocorreu
na súa xestión.
Seixo lembrou tamén
outra denuncia presentada pola CIG na fiscalía en Compostela en
relación con negocios vinculados á propia muller de José Luís
Méndez, pola compra de patrimonio da propia Caixa por debaixo do
valor de taxación. Sinalou que eses feitos foron postos en
coñecemento en setembro de 2014 e denunciou que “sorprendentemente
por parte da fiscalía nunca se nos deu razón de se se abrira algún
tipo de investigación e cales foron os resultados da mesma”.
Non recollida pola
Fiscalía
E se para a CIG este
silencio da fiscalía de Compostela é sorprendente, máis o é que a
denuncia que hoxe se daba conta, e que agora está en mans do Xulgado
de Instrución do Penal da Audiencia Nacional, se intentara presentar
previamente na Fiscalía da Audiencia, xa no mes de marzo, “un
dereito que calquera cidadán ten cando considera que hai uns feitos
posibelmente delitivos”, e esta se negara a recollela. “Que unha
fiscalía se negue a recoller unha denuncia é un feito insólito”,
asegurou o secretario nacional da CIG-Banca.
Ningún comentario:
Publicar un comentario