Chama a secundar os paros de dúas
horas por quenda de traballo e as mobilizacións convocadas
A CIG formalizaba este luns no rexistro
da Consellaría de Economía, Emprego e Industria a convocatoria da
folga de mulleres que terá lugar o 8 de Marzo en Galiza, no marco
dunha xornada internacional de paros e mobilizacións para
reivindicar a igualdade de oportunidades entre mulleres e homes nas
condicións de traballo, na esfera social e o dereito a vivir sen
violencia.
A folga, que afectará a todas as
actividades e centros de traballo de Galiza, tanto das empresas
privadas como do sector público, farase efectiva nas franxas
horarias comprendidas entre as 00h e ás 02 horas, das 12 a 14 horas
e das 19:30 a 21:30 horas; é dicir en paros laborais de dúas horas
por quenda de traballo.
A secretaria confederal de mulleres da
CIG, Margarida Corral, quen acudiu ao rexistro acompañada pola
Comisión de Mulleres da CIG e o secretario xeral, Paulo Carril,
explicou que a decisión de convocar paros laborais responde ao
debate iniciado en novembro de 2017 nos diferentes organismos da
central sindical, nos que se acordou que o 25 de novembro (Día
Internacional para a eliminación da violencia contra as mulleres) se
iniciase a conta atrás para a consecución o 8 de Marzo de 2018 dun
Paro Internacional de Mulleres. Unha folga, en palabras de Margarida
Corral, “que rache coa hipocrisía no que se están a converter a
celebración de datas senlleiras vinculadas cos dereito das mulleres,
recuperando o carácter reivindicativo e de clase que ten o 8 de
Marzo, Día Internacional da Muller Traballadora”.
Chamada a participar nas mobilizacións
A concreción das horas dos paros
obedece á intención de facilitar que todas as mulleres poidan
participar na folga sexa cal sexa o seu horario laboral e ao tempo,
nas mobilizacións que se convoquen durante esa xornada.
A propia CIG -ao igual que vén facendo
cada 8 de marzo- desenvolverá ese día concentracións nas sete
cidades galegas. Ademais, intentarase estender a convocatoria de
mobilizacións ao maior número de vilas posíbel, para facilitar a
participación das mulleres que non poidan desprazarse nesta xornada
reivindicativa. Naqueles lugares onde non sexa posíbel convocar
actos de protesta, a central sindical chama as mulleres que secunden
o paro laboral a saír ás portas dos seus centros de traballo con
carteis e simboloxía alusiva á folga.
De igual xeito, a Confederación
Intersindical Galega fará un chamamento a participar en todas as
mobilizacións que durante a tarde sexan convocadas polo movemento
feminista galego nas principais localidades do país, e previamente,
a secundar a manifestación nacional unitaria que se está a
organizar para a primeira semana de marzo.
A CIG, na vangarda da defensa das
reivindicacións das mulleres
O obxectivo desta folga, segundo
explicou a secretaria confederal de mulleres da CIG, é mostrar a
repulsa á desigualdade e invisibilidade históricas que soportan as
mulleres, esixir a mellora das súas condicións sociolaborais e a
fin da discriminación laboral que sofren, e que se veu agravada
polas medidas aplicadas baixo a coartada da crise económica.
A este respecto valorou xa como un
éxito o feito de que se estea a debater nos centros de traballo a
necesidade de convocar unha folga destas características e que se
estea a xerar conciencia entre as propias mulleres das
discriminacións das que son vítimas en todos os ámbitos da súa
vida e que moitas veces, por cotiás, pasan desapercibidas. “É
revolucionario que por vez primeira na historia o papel dos homes
vaia ser secundario, na retagarda, de acompañamento, de
solidariedade, e o das mulleres, protagonista, simbolizando a loita
histórica que deu orixe ao 8 de Marzo, ás revoltas de mulleres en
varios países do mundo, e a vixencia da convocatoria. Isto vainos
servir para que no ano 2019 e en anos sucesivos vexamos a
convocatoria do 8 de marzo, a xornada do 8 de marzo como algo
diferente”, afirmou.
“Para nós –continuou- esta
convocatoria é nova xa que non hai precedentes na historia do
sindicalismo organizando convocatorias destas características.
Conflitos protagonizados por mulleres temos a moreas, mais neste caso
falamos dunha folga xeral de mulleres que vai ser secundada en 57
países do mundo; mulleres en loita contra os ataques sufridos polo
mero feito de selo, no marco dunha convocatoria internacional que vai
máis aló das discriminacións laborais, denunciando tamén as
agresións sexuais, as agresións machistas e os feminicidios”.
Neste senso, Corral precisou que, aínda
que formalmente a convocatoria foi rexistrada como unha "folga
xeral" ao ser este o concepto xurídico que permite dar
cobertura a unha folga en todos os sectores de actividade, a CIG fai
un chamamento só as mulleres a secundar os paros e as mobilizacións
do 8 de Marzo. "Queremos demostrar a forza e capacidade de
mobilización das traballadoras galegas, por iso chamamos a todas as
mulleres cun traballado remunerado, mais tamén as estudantes, as
xubiladas, as desempregadas, etc. a que participen activamente nesta
xornada de loita e reivindicación", xa que a folga vai máis
aló do ámbito laboral "e afecta tamén ao eido social que nos
é común a todas as mulleres", engadiu.
As discriminacións persisten
Na súa intervención, Margarida Corral
subliñou que as mulleres somos as grandes vítimas do conxunto de
reformas e recortes que os gobernos viñeron aplicando baixo a escusa
da crise, e que lonxe de recortárense as discriminacións que
padecemos con respecto aos homes, estas agrandáronse. Lembrou que as
mulleres galegas perciben de media uns ingresos equivalentes ao 77,7%
dos ingresos dun home, cando no 2009, coincidindo co estoupido da
crise, a porcentaxe era do 76,9%. Pero este achegamento é enganoso,
matiza Corral, xa que se debe á perda de ingresos dos homes durante
este período e non a unha mellora nos ingresos das mulleres.
Engadiu que a fenda salarial en Galiza
é do 23%, pois mentres o salario medio anual dos homes está nos
20.243€ o das mulleres só acada os 15.730€ e ademais, as
xornadas das mulleres son maioritariamente parciais e os seus
contratos temporais, o cal afecta aos seus salarios, á súa
cotización e diminúe a posibilidade de acceder a unha xubilación
digna.
Xunto a isto, as mulleres seguimos a
sufrir atrancos na conciliación da vida familiar e laboral, que
converten a Galiza na segunda comunidade do estado na que máis
demandas laborais se presentan en relación con concrecións horarias
de redución de xornada, permisos de lactación, etc., acolléndose
as mulleres de xeito maioritario a solicitudes de excedencia por
coidado.
Pero ademais, "as mulleres
continuamos a ser obxecto de agresións sexuais, na rúa e no lugar
de traballo, sen que se adopten medidas urxentes que garantan a nosa
integridade. De nada serve aprobar protocolos de prevención e
actuación ante o acoso, ante a violencia machista, ou planes de
igualdade de oportunidades se estes son baleiros de contido, se non
identifican as discriminacións, se non mudan o status quo",
valorou Corral.
Finalmente insistiu en que "temos
que rachar coa hipocrisía que xira arredor da conmemoración dun 8
de Marzo. Non permitamos que nos feliciten, que o capitalismo
comercialice e banalice esta data. Tampouco permitamos celebracións
hipócritas por parte dos gobernos que teñen a responsabilidade de
eliminar a desigualdade e de lexislar para que se garantan os nosos
dereitos, e pola contra, se inhiben desta responsabilidade e mesmo
negan a existencia de discriminacións".
Ningún comentario:
Publicar un comentario