Concentráronse ao remate diante dos
Xulgados de Compostela para denunciar as agresións do patriarcado
Preto de 300 delegadas asistentes ao IV
Encontro Nacional de Mulleres da CIG, acordaron esta mañá convocar
folga xeral de mulleres o vindeiro 8 de marzo e trasladar esta
proposta ao movemento feminista galego. Un paro de 24 horas “para
dar resposta aos ataques do patriarcado, porque non imos permitir que
foran de farol o pasado 8 de marzo e que todas as promesas que
fixeron nos días posteriores quedaran finalmente en nada”.
Así o explicaba a secretaria das
Mulleres da CIG, Margarida Corral, na posterior concentración diante
dos xulgados de Compostela, onde fixo un chamamento a todas as
compañeiras organizadas en colectivos e organizacións feministas no
país a “loitarmos xuntas nun novo 8 de marzo e a combater na rúa
as agresións do patriarcado, as agresións de todo o aparato, tamén
o xudicial, que para nada teñen asimilada a perspectiva de xénero e
que, para nada, combaten a desigualdade como terían que facelo”.
As delegadas da CIG acordaron ademais
dar traslado nos seus centros de traballo das moitas razóns polas
que se convoca esta folga xeral. Razóns que foron esgrimindo ao
longo do debate e que deixaron constancia das discriminacións e
violencias ás que teñen que facer fronte as mulleres dentro e fóra
do ámbito laboral polo feito de ser mulleres.
Por iso exixiron que non haxa
“#NinUnhaMáis acosada no traballo, agredida física,
psicolóxica ou sexualmente, nin unha máis que sufra violencia
económica, patrimonial, simbólica, obstétrica ou institucional”,
porque, seguindo o lema da campaña da Secretaría das Mulleres da
CIG arredor deste 25 de novembro, Día Internacional para a
eliminación da violencia contra as mulleres, “Imos Fartas do
acoso e da violencia machista”.
Concentración nos Xulgados
As asistentes a este IV Encontro
saíron, o seu remate, en manifestación cara aos Xulgados onde se
concentraron para denunciar que, como afirmou Corral, “as mulleres
traballadoras non só temos que sufrir a violencia nas nosas vidas,
de man de parellas ou exparellas, senón que tamén sufrimos a
violencia de xefes acosadores, de compañeiros acosadores que nos
agriden sexualmente, que nos agriden fisicamente e que nos agriden
coas súas decisións impedindo que poidamos exercer os nosos
dereitos”.
Unha violencia que, lembrou, se produce
tamén desde os gobernos, as administración públicas e do propio
sistema xudicial que, como denunciaron no decurso do Encontro, é
capaz de emitir sentenzas como a da Manada. “Por iso estamos aquí
ás portas dos Xulgados, para denunciar unha vez máis esa situación.
Porque as mulleres da CIG non imos permitir que nin unha soa muller
máis sexa discriminada, agredida e imos facer todo o posíbel para
combatelo desde os nosos postos de traballo, dos nosos espazos na
sociedade”.
Agresións que non paran de medrar
A secretaria das Mulleres da CIG
alertou do constante incremento das agresións machistas. Así
denunciou que 6.001 mulleres foron vítimas de agresións machistas o
ano pasado, un 17,5% máis que no ano anterior; que máis dun medio
centenar foron asasinadas polas súas parellas ou exparellas nos
últimos 15 anos e que houbo 3 feminicidios en Galiza desde o
principio deste ano: Magdalena Moreira Alonso; María Judite Martíns
e Ana Belén Varela Ordóñez.
Corral sinalou ademais que, segundo os
datos da Fiscalía galega indican tamén un aumento no número de
denuncias que chegaron aos xulgados galegos, xa que no 2017 se
presentaron 6.463, fronte ás 5.683 do ano anterior, o que supuxo un
13,7 % máis.
Esta terrible situación é a que
levou, segundo Corral, ás mobilizacións multitudinarias do ano
pasado. “Demostramos as galegas que enchemos as rúas deste país
que necesitabamos un cambio, que necesitabamos non só medidas de
aparencia, senón cambios reais a prol dos noso dereitos”. E estas
cifras “e tantas outras que podiamos comentar do que sufrimos a
cotío, son a realidade que demostra que ían de farol o 8 de marzo”.
Por iso chamou a todas as mulleres a
reaxir, a mobilizarse este 25 de novembro nas mobilizacións
convocadas pola Marcha Mundial das Mulleres e outros
colectivos feministas da Galiza e a secundar masivamente a folga
xeral do vindeiro 8M. “Nós facémolo como sabemos na CIG,
combatendo nas rúas e debatendo sobre esta problemática, dando
propostas e respostas desde o feminismo de clase a esta situación”.
Mobilizacións do 25N:
Vigo: 12:00 h, cruce de Vía Norte
con Urzáiz (Feminismos Vigo)
Pontevedra: 12:00h na Peregrina
Lugo: 12:00h, diante do concello
(Plataforma Feminista Lugo)
Ourense: 12:00 h. Acción de rúa
(Praza Maior)
19:00 h. Obradoiro de pasamontañas (Subdelegación
Goberno)
20:30 h. Manifestación (saída Subdelegación
Goberno)
A Coruña: 20:00 h, desde o
Obelisco (Feminismos A Coruña)
Ferrolterra: 19:00 h Manifestación
+ batukada e performance desde praza da Gándara. Narón.
Compostela: 12:00 h, desde a Praza
8 de Marzo (Feminismos Compostela)

Ningún comentario:
Publicar un comentario