Contratacións
á marxe do Convenio colectivo do persoal laboral
O
Concello indicou que no único que este persoal estaría á marxe do
Convenio sería en xornada e retribucións e por parte da representación sindical indicóuselle que o Convenio actual non exclúe a ningún persoal, e que, por tanto, este persoal pode reclamar ao abeiro do Convenio e cobrar en igualdade de condicións que o resto do persoal. Con respecto a isto é posible que en futuras modificacións do convenio se especifique que tipo de contratos ao abeiro de subvencións non se rexerían polas retribucións do Convenio colectivo.
Data das revisións médicas e cumprimento do artigo 57 do Convenio
colectivo
As revisións médicas terán lugar proximamente e serán nunha clínica en Betanzos. Así mesmo, a representación sindical lembrou que o artigo 57 do Convenio colectivo inclúe revisións xinecolóxicas e de próstata e acordou co concelleiro que, se ben este ano xa están en marcha as revisións, a partir do vindeiro tamén se realizarán este tipo de revisións incluídas no Convenio colectivo do persoal laboral.
Prazos
de implantación definitiva do sistema de control de presenza no
traballo
En principio o sistema estaría implantado e hai uha previsión de que entre de xeito definitivo a comezos de ano. No momento en que entrase en vigor de xeito definitivo enviaríase unha comunicación a todo o persoal e colgaríase nos taboleiros de información. Na
primeira fase só se implantaría no portal do empregado un módulo,
que permitirá ver as entradas e saídas, así como o tempo
traballado, progresivamente se irían implantando o resto de
tramitacións.
Trasladóuselle, logo de múltiples consultas e queixas dos compañeiros e compañeiras, que a implantación do sistema de xeito provisional durante estes sete meses o que fixo foi agravar as discriminacións entre o persoal, posto que non todo o persoal ficha e, por tanto, aínda que sexa de xeito provisional, a falta de control, a fin de contas, redunda nunha discriminación para o persoal que utiliza o sistema de control de presenza no traballo e cumpre a xornada. Ademais esta implantación provisional non foi quen de atallar as discriminacións de xornada existentes principalmente entre o persoal de oficinas e servizos.
Por último, acordouse que unha vez que se implantase de xeito definitivo e ao longo do vindeiro ano, explicitaríase nun acordo o alcalce no artigo 22 do Convenio colectivo relativo á parte da xornada fixa e a variable, como medida para facilitar a conciliación laboral e familiar do persoal.
Calendario
laboral 2019 (xeral e específico) e horarios específicos
Os representantes do persoal laboral lembraron que o Convenio indica expresamente que os calendarios laborais xerais deben ser publicitados e difundidos e tamén se deben acordar os calendarios específicos e os postos que se rexerán por estes, que serán maioritamente os relacionados co Conservatorio municipal ou os centros educativos.
Falta
de persoal en servizos varios e previsións de contratación
Neste punto tratáronse os problemas de falta de persoal en distintos departamentos como limpeza, electricistas ou o Conservatorio municipal. O Concello, neste casos, tomou a postura que leva anos tendo, que é aludir á imposibilidade de contratacións que non sexan por acumulación de tarefas por mor da Lei de orzamentos do estado, e que esquece cando se trata de contratar persoal para a embarcación municipal ou de apoio a festas e eventos.Só no caso do profesorado do Conservatorio municipal prevén a posibilidade de cobertura do posto mediante unha Comisión de servizos.
Acordos
da Comisión Paritaria pendentes de cumprimento
A representación do persoal trasladoulle a necesidade inaprazable de solucionar este tema, máis aínda xa que o Concello vén de aplicar a suba salarial do ano 2018 e facer caso omiso non só aos acordos tomados, senón tamén ao que indica a propia Lei de orzamentos do Estado no caso do Complemento Persoal Transitorio. Esta situación que arrastra desde hai case un ano e medio é un lastre que é necesario superar para poder continuar na negociación da equiparación retributiva co persoal funcionario e así se lle transmitiu ao concelleiro que se comprometeu a ter unha nova reunión no prazo dun mes, porque estaba á espera dun informe, e tomar unha determinación definitiva para solucionar a situación.
O concelleiro informou que o Concello lle solicitou axuda a asistencia a municipios da Deputación para que informase sobre a interpretación dun artigo do Convenio colectivo do Concello de Betanzos mais cómpre sinalar que é a primeira vez, que saibamos dende a CIG, que se lle pide á Deputación que inteprete un Convenio colectivo que pon expresamente que quen o ten que interpretar é a Comisión paritaria deste.
O máis grave é que entre tanto, o Concello interpreta o convenio como lle vén en gana, varios traballadores realizaron demandas por esta cuestión, o persoal laboral xa cobra as horas extraordinarias un 3,75% menos do que lle correspondería e o persoal que programa eventos é discriminado no cobro ou non do complemento de funcións extraordinarias en función do evento que teña lugar.
Outros
Así mesmo, tratáronse outros temas, como os que van á Mesa Xeral de Negociación do vindeiro luns, os problemas coa tramitación das horas extraordinarias que se debe solventar para que os atrasos no pagamento destas non sexan tan grandes como está a ser.
Finalmente trasladóuselle a necesidade de que o persoal laboral debería continuar no camiño de equiparación salarial ao funcionariado do Concelllo de Betanzos, e que os propios orzamentos do Estado prevían a posibilidade dun 0,3% da partida de persoal que se podería destinar a melloras salariais e que debería utilizarse, posto que estamos a final de ano e, do contrario, non se utilizaría en beneficio do persoal. Así mesmo, comunicóuselle que no caso de que o considerase necesario para iniciar unha nova negociación, solucionar todos os temas pendentes, así como procurar unha nova mellora retributiva, o Convenio colectivo podería denunciarse para ser renegociado, sempre que esta negociación non se dilatase no tempo como a dos anos 2012-2017.
Con relación a este último punto, a CIG ten previsto convocar unha reunión do Comité de Empresa nas próximas semanas para tratar, entre outros temas, as posibilidades de negociación neste ámbito, toda vez que a Relación de Postos de Traballo conterá unha ínfima parte dos postos do persoal laboral que traballa no Concello de Betanzos.
Ningún comentario:
Publicar un comentario