"O Concello aplica un ERTE ilegal
e os únicos prexudicados son os traballadores/as"
A CIG continuou este xoves as
mobilizacións en defensa dos dereitos das e dos traballadores do
Grupo Supramunicipal de Emerxencias (GES) de Guitiriz afectados por
un ERE temporal pero a quen o Servizo Público de Emprego non lles
recoñece a prestación por desemprego por entender que o expediente
é manifestamente ilegal.
Con esta concentración, explica o
secretario de Organización da CIG de Lugo-A Mariña, Lois Neto,
quérese demandar do SEPE que lle recoñeza os traballadores e
traballadoras o dereito a cobrar o paro, posto que a súa negativa
"déixaos nunha situación absolutamente precaria e de
indefensión". Aproveitando a protesta, solicitouse unha reunión
coa directora provincial do organismo quen reiterou que as
Administracións públicas non poden aplicar un ERE ao amparo do
artigo 47 do Estatuto de Traballadores/as, e por iso entende que o
expediente é nulo e que este persoal non está en situación de
desemprego.
Neste senso, Neto apunta que, aínda
compartindo o parecer do SEPE sobre a ilegalidade da regulación
executada polo Concello de Guitiriz, hai un feito obxectivo: aos
traballadores/as aplicóuselles un ERE temporal e están
involuntariamente nesta situación, tal e como así o acreditan as
demandas presentadas no xulgado do Social.
Pero ademais, o secretario de
Organización da CIG de Lugo lembra que non é competencia do SEPE
determinar a nulidade ou non do expediente de regulación, senón da
xustiza, polo que "a Dirección Provincial do SEPE estase
excedendo nas súas funcións. Ao noso entender o que debería facer
é recoñecerlle o dereito a percibir o paro a este persoal, que ten
o contrato suspendido dende o pasado 30 de xaneiro, e logo pasarlle a
correspondente liquidación ao Concello".
Indefensión da clase traballadora ante
os abusos das Administracións
Para Neto "este caso demostra ás
claras cal é o nivel de indefensión das traballadoras e
traballadoras ante os abusos das Administración, xa que tanto a
Inspección de Traballo como o SEPE recoñecen a nulidade do ERTE
pero din non ter mecanismos para darlle unha saída. É máis, no
caso do servizo de emprego, o único mecanismo do que dispón é
prexudicar o persoal afectado denegándolle o dereito ao paro".
De feito, engade, a única solución
que se lles ofrece é recorrer aos xulgados do Social que, aínda por
enriba, na provincia de Lugo viven un auténtico colapso, acumulando
longas demoras na resolución dos procesos, a pesar do cal o
Ministerio de Xustiza negouse a autorizar a creación dun cuarto
xulgado que alivie este atasco.
"O Concello de Guitiriz executa un
ERTE ilegal e non hai lexislación que ampare os empregados/as
afectados/as. Demóstrase a precariedade que ten a clase traballadora
á hora de defenderse dos abusos das administracións", asevera.
Para atallar esta inxustiza, Lois Neto volveu reclamar do Concello de
Guitiriz, principal responsábel desta situación, que suspenda de
inmediato a execución do ERTE e dea de alta o persoal, a todos os
efectos, desde a data de inicio do expediente.

Ningún comentario:
Publicar un comentario