16/10/19

informe sobre os retrasos no recoñecemento das pensións a persoas traballadoras afectadas por accidente laboral ou enfermidade profesional


O Tribunal de Contas deu un tirón de orellas á Seguridade Social. Nun dos seus últimos informes de fiscalización detectou fallos e insuficiencias na xestión e o control das recargas que deben pagar as empresas nas pensións que se recoñecen aos traballadores/as que tiveron un accidente de traballo ou unha enfermidade profesional, que estivesen provocados pola falta de medidas de seguridade e hixiene no traballo.

Este informe de fiscalización, que se coñeceu agora, realizouse sobre as contas e os procesos rexistrados no ano 2016, cando esas recargas nas prestacións dos traballadores/as que deben abonar as empresas infractoras ascendían a uns 101 millóns de euros. Os fallos detectados afectan practicamente a todas as entidades da Seguridade Social que participan nestes procesos: ao Instituto Nacional da Seguridade Social (INSS) e ao Instituto Social da Mariña (ISM), que son os que recoñecen, xestionan e controlan estas recargas; á Inspección de Traballo e Seguridade Social (ITSS), que é a responsable de investigar os accidentes de traballo e enfermidades profesionais para que se declare, en cada caso, a responsabilidade das empresas pola falta de medidas de seguridade; e á Tesourería Xeral (TXSS), que debe garantir que o sistema recada os ingresos que deben abonar as empresas infractoras.

O organismo fiscalizador critica que "non existe unha regulación normativa adecuada" acerca da aplicación destas recargas --que aumentan as pensións dos beneficiarios entre un 30% e un 50% dependendo da gravidade da falta de medidas por parte da empresa--. Segundo as investigacións da Inspección prodúcense estas recargas no o 34% dos accidentes laborais.

Esta deficiencia regulatoria tradúcese en atrasos na xestión destas prestacións para traballadores/as accidentados. "Con carácter xeral observouse un período moi dilatado de tramitación dos expedientes de recargas" quéixase o Tribunal de Contas, que tamén afea ás entidades xestoras da Seguridade Social, que incumpran o prazo de resolución destes procesos, que a lei fixa en 135 días hábiles.

Así mesmo, o informe cre que a falta de normativa obriga ao persoal que xestiona os expedientes para "acudir á emisión de numerosos criterios, dificultando que haxa un tratamento homoxéneo polas súas diferentes direccións provinciais". De feito, unha das cuestións para a que se debe recorrer a un criterio técnico interpretativo da Dirección Xeral da Inspección, en ausencia de normativa, é o baremo para aplicar as citadas recargas de entre o 30% e o 50%, segundo a gravidade da infracción da empresa.

Ante isto, o Tribunal de Contas pídelle á Inspección que inste o Ministerio de Traballo e Seguridade Social que "estableza baremos máis axustados" que permitan aos inspectores cualificar a gravidade da falta cometida pola empresa no momento de fixar a porcentaxe de recarga a aplicar. A falta destes baremos concretos podería provocar, segundo este organismo, valoracións subxectivas "que poderían provocar consecuencias económicas negativas nas empresas infractoras".

Esta fiscalización arroxa outros dous fallos. Concretamente critica que a falta de actualización das táboas de mortalidade e do tipo de interese técnico empregados para o cálculo dos capitais "non permite alcanzar unha adecuada valoración financeiro- actuarial das recargas aplicadas sobre as pensións. Isto podería estar a provocar, segundo este organismo, que o importe obtido no cálculo actuarial non garanta a cobertura do importe da recarga ao longo de toda a vida do beneficiario. Isto xera "desviacións negativas que haberían de ser asumidas pola Seguridade Social".

E, finalmente, o Tribunal de Contas reprocha á Seguridade Social que non inclúa na partida destas recargas nos Orzamentos deste organismo, os aprazamentos de débeda concedidos ás empresas declaradas responsables do pago destas prestacións aos traballadores afectados.



Fonte: CincoDías


Ningún comentario:

Publicar un comentario