Demanda unha modificación do decreto
para que só continúen as actividades imprescindíbeis para loitar
contra a pandemia
A CIG fai un chamamento a que se
adopten todas as medidas laborais necesarias para que se garanta que
toda a xente poida realmente quedar na casa. A central sindical
entende que non se poden seguir acumulando erros e que, polo tanto, é
necesario modificar o decreto aprobado polo Consello de Ministros e
Ministras, para que as medidas vaian na liña das adoptadas por
outros estados europeos, como a CIG ten demandado desde o primeiro
día. Á inxustiza e insuficiencia das medidas, súmaselle a
utilización abusiva polas Empresas.
Así o considera o secretario xeral da
CIG, Paulo Carril, para quen “se deben paralizar todas as
actividades, agás aquelas declaradas imprescindíbeis para afrontar
esta situación de emerxencia sanitaria”. Servizos esenciais
nos que, en todo caso, deben adoptarse todas as medidas de
seguridade, sen escatimar medios de protección, de forma que as
persoas que desenvolvan estas actividades indispensábeis poidan
facelas de forma segura e con todas as garantías.
Entre outras, Carril demanda medidas de
protección para o persoal sanitario e para as traballadoras e
traballadores dos servizos de atención ás persoas maiores, sexa a
través dos Servizos de Axuda no Fogar, sexa a través de residencias
da terceira idade, ou centros sanitarios. Servizos nos que é
imperativo dispor de todos os medios humanos e materiais, pero
“sempre contando con todas as medidas de prevención”.
A falla de material de protección é
especialmente preocupante nos centros de maiores, sobre todo nos
dependentes da consellaría de Política Social, onde aínda non se
tomaron as medidas de prevención necesarias, nin se dotou de EPI
adecuado ao persoal, como tampouco se adoptaron as medidas
organizativas necesarias na xestión do persoal. Mais tamén nos
centros hospitalarios, onde o persoal da sanidade pública está
demandando EPIs completos para evitar contaxiarse.
Para a CIG tamén é urxente reforzar
os cadros de persoal, con respecto aos seus dereitos laborais, nos
sectores económicos con obrigas de traballar, como comercio,
farmacias, atención a maiores ou servizo postal universal. Así
mesmo, demanda que se vixíe que non se abuse por parte das empresas
no relativo a xornadas e descansos, explica o secretario xeral quen
demanda ademais medidas de mobilidade que non fagan recaer o
custo de ir ao posto de traballo sobre as traballadoras e
traballadores.
Nas grandes superficies de
comercio-alimentación, sector de ambulancias e transporte
sanitarios, denuncia que se está saltando o decreto do goberno
porque non se está adoptando nin as medidas mínimas de seguridade.
Ademais, en sectores como telecomunicacións e centros de chamadas a
situación é grave ante o mantemento inxustificado de actividade e
por riba, sen a adopción das medidas necesarias.
“Entendemos que o que prima neste
momento é a seguridade sanitaria fronte a calquera intento de manter
a actividade económica”, especifica Carril, para quen “nesta
situación, as políticas públicas son as únicas posíbeis,
son máis necesarias que nunca. Por esa razón, todos os medios
económicos deben estar ao servizo do interese social e público
xeral”.
Modificación do decreto
Respecto da demanda de modificación do
decreto aprobado polo Consello de Ministros e Ministras, a CIG exixe,
entre outras cuestións, que en todas as contratas que traballan para
as administracións públicas, quer municipais, quer galegas “se
garanta o mantemento dos contratos, polo tanto de todo o emprego, e a
percepción íntegra dos salarios das traballadoras/es”, indica o
secretario xeral.
Demanda ademais que se contemple a
situación das empregadas do fogar e se lles dea un solución, porque
“o decreto non contempla ningunha medida que asegure os ingresos
para estas traballadoras que viron paralizada a súa actividade”.
Xunto a isto, Carril apunta tamén a
necesidade de que se garanta a concesión automática a petición das
persoas traballadoras de todas as solicitudes de adaptación ou
redución de xornada porque de caso contrario, estase impedindo un
dereito tan fundamental como o que é neste momento o coidado de
maiores e menores. Por outra banda, urxe e que “se axilice e se dea
unha solución, que aínda non existe, para as solicitudes de
desemprego”.
A este respecto subliña que “é
necesario garantir que, para os que actualmente están a cobrar o
desemprego, esta alarma sanitaria non os castigue dando por consumida
a súa prestación neste tempo”. Xunto a isto apunta que moitos
traballadores/as con contratos temporais ou de ETT, s que foron
despedidos/as, “deben de ter dereito ás mesmas medidas que o resto
dos traballadores”.
Denuncia do papel das mutuas
O secretario xeral da CIG denuncia
tamén o papel das mutuas e apunta, sobre todo, o de Ibermutua
Gallega. Denuncia que son moitas as persoas traballadoras e
traballadores que foron e son citadas a través de mensaxe aos
seus móbiles para acudir a cita nesta mutua (Ibermutua Gallega) con
resolución de alta médica. “Entre as persoas citadas, atópanse
traballadoras/es en situación de I.T. por patoloxías consideradas
de especial risco, outras/os con secuelas ou en proceso de
recuperación que precisan de acompañamento nos seus
desprazamentos”, explica, e denuncia que “desde a CIG entendemos
que a mutua vén de situarse á marxe do esforzo colectivo que se nos
está pedindo, máis considerando a súa cualificación de entidade
colaboradora coa Seguridade Social”.
Cualifica o seu comportamento de
“abusivo e antisocial” e o considera “totalmente intolerábel a
día de hoxe”. Por iso agarda “que o ocorrido non volva repetirse
en días sucesivos e, moito menos, se observen prácticas similares
por parte doutras entidades”.
Denuncia da xestión de baixas
Respecto das baixas que está a dar o
Servizo Galego de Saúde explica que se están dando baixas por parte
do SPS de primaria por ter os síntomas, máis non se lle aplican os
códigos por estar en corentena, que é o que garante o cobro do 75%
dende o primeiro día. “Se vas ao médico e lle dis que tes
coronavirus ou síntomas de coronavirus, e te poñen en corentena, o
código que o sistema galego de saúde marca identifícache nunha
continxencia que a Seguridade Social non contempla co tipo do que
permite cobrar o 75%”, indica.
Por iso denuncia que esas baixas que
está outorgando o sistema galego de saúde, non se cinxen ao
estipulado para casos de incapacidade temporal por enfermidade común
asimilada a un accidente de traballo en canto ás prestacións (art.
11 do RDL 7/2020). “Baixas que si garantirían o cobro dese 75% da
base reguladora desde o primeiro día, como está estipulado nese
decreto do goberno”.
Fronte a isto denuncia que “a Xunta
está a dar as baixas ordinarias, o que implica que os 3 primeiros
días estás sen cobrar e até o día 21 de baixa non percibes o 75%
da túa base reguladora”.
Necesidade de coordinación
Paulo Carril demanda ademais, da Xunta
de Galiza, a posta en práctica dunha actuación coordinada, “que
non existe”, asegura, “para paralizar a actividade en centros de
traballo onde non hai as mínimas medidas de seguridade sanitaria”.
Nese sentido explica que “a esta
altura, do noso punto de vista, unha das prioritarias urxencias é
solucionar a falta de actuacións executivas e inspectoras no
seguimento e aplicación de todas as medidas preventivas e obrigas
legais derivadas da resposta ao coronavirus”. Asegura que “estamos
a comprobar a falta grave de coordinación básica entre as
diferentes Administracións (Consellería de Sanidade, Consellería
de Emprego e Inspección de Traballo) ante as diferentes denuncias e
incidencias que se están a producir”.
Neste sentido apunta que a
Administración Pública, galega e estatal, deben deberan de ser
exemplares na adopción destas medidas para os e as súas empregados
e empregadas, “pero non o están sendo”.
Para Carril, “ante a falta de medios,
hai que parar”, porque non se pode permitir que a xente traballe
sen EPIS neses servizos esenciais. Xunto a isto denuncia que “a
policía, no canto de garantir que o persoal que segue traballando o
faga de forma segura, andar a exercer un labor de control social pola
rúa.”

Ningún comentario:
Publicar un comentario