A
CIG celebrou manifestacións en once localidades do país para
denunciar que as políticas do PP e da Unión Europea supoñen perda
de dereitos e máis pobreza
Milleiros
e milleiros de persoas participaron hoxe nas manifestacións
convocadas pola CIG en once localidades do país para conmemorar o
Primeiro de Maio, Día Internacional da Clase Traballadora, unha data
marcada pola masiva participación e polo rexeitamento das políticas
antisociais e antigalegas do PP e da Unión Europea. O secretario
xeral da central nacionalista, Suso Seixo, esixiu a dimisión dos
Gobernos galego e español e lembrou que nos atopamos “nunha loita
a longo prazo entre o capital e a clase traballadora polo modelo de
sociedade do futuro” e que só con mobilización e capacidade de
xerar alternativas “impediremos a consolidación deste capitalismo
neoliberal ao servizo dunha minoría” e seremos quen de “conquistar
un novo modelo ao servizo das clases populares”.
A
clase traballadora galega saíu unha vez máis á rúa o 1º de Maio
para participar nas distintas mobilizacións organizadas por todo o
país nunha xornada na que imperou o ambiente reivindicativo.
A
CIG convocou un total de once manifestacións baixo o lema “Partido
Popular-Unión Europea: menos dereitos, máis pobreza”, sendo a
máis numerosa a celebrada en Vigo, onde se deron cita máis de
30.000 persoas, aínda que tamén houbo mobilizacións cunha
participación moi alta na Coruña, Santiago, Ferrol, Lugo, Ourense,
Pontevedra, Vilagarcía, A Estrada, Ribeira e A Mariña.
Ao
remate da marcha na cidade olívica, o secretario xeral da central
nacionalista, Suso Seixo, reiterou a petición de dimisión dos
Gobernos galego e español do PP por “incompetentes, corruptos e
inmorais” e apostou pola necesidade de seguir a acumular forzas de
cara a unha folga xeral “para reclamar un novo modelo económico e
social ao servizo da clase traballadora”.
Seixo
comezou a súa intervención facendo fincapé na dramática situación
do desemprego en Galiza, “reflexo da dureza da crise económica e
das políticas promovidas por PP e UE que están a destruír o noso
tecido produtivo e a condenar ao paro a milleiros de persoas”, e
denunciando os ataques contra os dereitos da clase traballadora que
supoñen perda de dereitos laborais e sociais “mentres se favorece
os grandes poderes económicos, a banca e os especuladores”.
Neste
senso, citou as contrarreformas do mercado laboral “para abaratar o
despedimento” ou “dificultar o acceso a unha pensión pública”,
alén dos novos recortes nas prestacións por desemprego e nos
salarios”. Tamén censurou a privatización de servizos e empresas
públicas “porque o verdadeiro fin destas medidas é incrementar os
beneficios da banca e das grandes compañías a custa da calidade de
vida da maioría social”.
PP-UE
A
continuación dirixiu as súas críticas contra os responsábeis, o
Partido Popular e a Unión Europea, “un partido ao servizo da
oligarquía española e unhas institucións que promoveron a
especulación coa débeda pública por parte dos bancos e que cada
vez son máis centralistas e antidemocráticas”. Fronte a isto,
incidiu na necesidade de xerar alternativas a partir dunha
acumulación de forzas que permita “botar do poder ás forzas
políticas reaccionarias e antigalegas que nos gobernan”.
Ao
mesmo tempo, chamou a “seguir loitando por unha Galiza ceibe e
soberana nunha Europa ao servizo das clases traballadoras e das
nacións que a integramos”. Finalmente, lembrou que nos atopamos
“nunha loita a longo prazo entre o capital e a clase traballadora
polo modelo de sociedade do futuro” e que só con mobilización e
capacidade de xerar alternativas “impediremos a consolidación
deste capitalismo neoliberal ao servizo dunha minoría” e seremos
quen de “conquistar un novo modelo ao servizo das clases
populares”.
Para
poñer punto e final á mobilización manifestación dúas
violinistas tocaron a Internacional e un grupo de música tradicional
galega pechou o acto coa interpretación do Himno Galego.
Ningún comentario:
Publicar un comentario