Increméntanse
as bonificacións ás empresas, ás que se ofrece un menú de
modalidades de contratación en precario, e ponse en risco a caixa da
Seguridade Social
A
Confederación Intersindical Galega considera que o plan de emprego
xuvenil, publicado o sábado día 5 de xullo no BOE, afonda en
modalidades de contratación que favorecen a explotación da mocidade
e que van provocar que a súa única alternativa, para buscar unhas
condicións laborais máis dignas, siga sendo a emigración. A CIG
denuncia ademais que todo o plan baséase en seguir incrementando as
bonificacións ás empresas. Un sistema que xa demostrou o seu
fracaso e que non propiciou, en absoluto, a creación de emprego.
A
CIG considera que este Plan “non aporta nada novo” e que se
limita a canalizar os 1.887 millóns de euros de fondos estruturais
destinados pola UE ao Estado español para a atención directa á
mocidade, durante o período 2014-2020. O Estado preséntao ademais
no límite do tempo, xa que estaba na data tope para cumprir coa
recomendación da UE de hai xa un ano.
Entende
que se trata dunha acumulación de medidas que son un auténtico
despropósito e que o único que fan é afondar en deixar á mocidade
abandonada á súa sorte, ben nunha situación de explotación
brutal, aproveitando todos os resortes que ofrece a reforma laboral
-e que impactan de forma especialmente castigadora sobre este grupo
de idade-, ben abocándoa á emigración, ao non articularse ningunha
alternativa diferente ás que xa hai, pero máis cargadas de bombo”.
Segue,
de feito, a senda desas reformas laborais que sempre se anuncian para
resolver a problemática do paro e cada vez precarizan máis as
condicións laborais, desviándose inxentes recursos cara as
empresas. Medidas coas que non se conseguiron os resultados
previstos, como a chamada Tarifa Plana, coa que se reducen as
cotizacións das empresas á Seguridade Social para incentivar a
contratación indefinida malia o que estas seguen empregando, en máis
dun 93%, os contratos temporais.
En
consecuencia, para a central sindical trátase dun compendio de
medidas neoliberais que reiteran as políticas que foron aplicando
nos últimos anos PSOE e PP e que tiñan como designataria á
mocidade.
Todo
isto faise ademais afondando nas modalidades de contrato de formación
e de aprendizaxe que teñen sobradamente demostrado o seu fracaso.
Tal é así, que na exposición de motivos, o propio goberno dá toda
unha serie de cifras que retratan a grave situación da mocidade e
que confirman ese fracaso. Porén, lonxe de mudar esas políticas
vólvese reiterar nelas, o que non fai albergar esperanza algunha de
que se obteñan resultados diferentes aos conseguidos até o de
agora.
Inxentes
cantidades para as empresas
Do
mesmo xeito, e seguindo na liña de repetir políticas fracasadas, a
través deste plan o que se fai é ampliar as bonificacións á
contratación, como se xa foran poucas as que hai actualmente.
Preténdese cargar sobre os sistemas de formación oficiais regrados
o custo da formación que as empresas están obrigadas a facer, na
lóxica destes contratos formativos.
Faise
ademais un estarricamento das posibilidades de aplicación da reforma
laboral, neste caso a través da versión do fomento de contratos a
tempo parcial onde, por primeira vez, se abre tamén esa modalidade
ás bonificacións, o que é aínda máis escandaloso, dado que os
contratos de formación xa contan con bastantes reducións aplicadas
á contratación.
Estes
novos incentivos quérense facer extensivos a outros traballadores e,
polo tanto, as empresas poderán aforrar en custos de seguridade
social sobre a base de que se teñen moitos traballadores en
contratos formativos, ademais da bonificación que obteñen por eses
contratos tamén van conseguir reducións/bonificacións no conxunto
dos/as traballadores/as na empresa.
Faise
unha perversa vinculación das bonificacións co suposto carácter
indefinido do contrato que é falsa porque aos seis meses pódese
despedir á traballadora ou traballador e empatar logo con outro tipo
de contrato. O grave é que agora se es empresario e queres aforrar
tes un menú á carta para poder obter bonificacións varias.
Alén
diso, déixase á mocidade como carne de canón ás ETTs e lévase a
este grupo de idade de 16 a 25 anos, a ser quen máis sufra a dureza
e o impacto reforma no que se refire a contratación a través de
todo o recollido cando se fala de mellora da intermediación e
empregabilidade.
Recentralización
O
Plan crea un ficheiro nacional de garantías xuvenil no que é
obrigada a inscrición para que as e os mozos poidan figurar como
beneficiarios/as das medidas de intermediación, empregabilidade,
contratación ou emprendemento.
Centralízase,
xa que logo, todo o sistema e dáselle unha denominación moi
‘rimbombante’, algo moi propio do PP, co obxectivo de españolizar
moito máis cando se fala de “Sistema Nacional de Garantías
Xuvenil”.
Todo
este sistema vai depender do Ministerio e non se sabe o papel que
xogará o Servizo Galego de Contratación. Semella que se quixeran
inventar un grande plan destinado á mocidade onde pretenden unificar
as actuacións administrativas e onde é de supor que crearán un
rexistro ao que o INEM e o resto de unidades da administración que
teñan a ver coa mocidade poidan acceder a ter ese censo. Un trámite
burocrático-administrativo.
O
Plan presenta deficiencias importantes, xa que nin está previsto
como se fará o seguimento e control deses cartos, nin facer unha
avaliación dos resultados da súa aplicación. Coa pretendida
unidade de mercado modifícase tamén a regulación das E.T.T.
autorizándoas a todas, aínda que estiveran provisionais, sen límite
de duración, ao tempo que se amplían as súas competencias en
materia de formación para a cualificación profesional. No caso das
Axencias de Colocación, ademais, estas xa non terán necesidade de
autorización e valerá cunha simple declaración responsable.
Ante
isto a CIG conclúe que eses 1.887 millóns de euros que a UE destina
serán de novo sepultados polo PP e empregados en fomentar a
explotación xuvenil e a emigración, favorecendo o enriquecemento
das empresas que seguirán xestionando centos de miles de millóns de
euros públicos. A CIG alerta ademais do posíbel deterioro que isto
provocará nas arcas da Seguridade Social xa que non se explica como
se van compensar os cartos que non terán que pagar as empresas neste
concepto.
Alternativas
da CIG
Fronte
a isto, a central sindical entende que tanto o plan como os fondos
destinados á mocidade deberían ser territorializadas e destinados a
pór en marcha moitas das medidas que a CIG xa recolleu naILP
defendida no Parlamento de Galiza.
Medidas nas que se incide na necesidade de incrementar o investimento
público para favorecer a reactivación dos sectores económicos,
nomeadamente o naval ou a automoción, entre outros, porque así si
se favorecería un medre exponencial do emprego e da contratación da
mocidade que evitaría a emigración.
Unha
reactivación difícil de alcanzar ao non se variar as políticas de
axuste que son, precisamente, o principal freo para o crecemento
económico e a creación de emprego, que xunto a perda de poder
adquisitivo impiden o incremento do consumo.
A
CIG entende que é imprescindíbel que se poña en marcha un plan de
reactivación económica que xere emprego e non un plan de emprego
que só se quede en darlle realidade cada día a reforma laboral,
porque “aquí non hai emprego porque non hai reactivación
económica”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario