Este 2015 está sendo un ano completiño, porque a pesar de que antes das eleccións parecía que se ían solucionar moitos temas a estas alturas non só segue sen estar constituída a Mesa Xeral de Negociación e o Comité de Seguridade e Saúde, senón que xa vivimos dous graves conflitos polo despedimento de dúas compañeiras e a privatización da limpeza e mais a non contratación de persoal na Escola Infantil Municipal que provoca que as compañeiras teñan que someterse a xornadas imposibles e estean desbordadas por unha situación da que é culpable o propio Concello.
Pois a todo isto sumámoslle que o Concello, depende de en que casos, continúa a contratar persoal presuntamente de xeito fraudulento ao non realizar procesos selectivos coas consecuencias que isto ten para o persoal. Resulta lamentable que dependendo do nome do posto de traballo haxa proceso selectivo ou non, resulta fraudulento e discriminatorio que o Concello utilice diferentes estratexias de contratación dependendo dos seus intereses e resulta lamentable que un goberno socialista no ano 2015 siga a cometer este tipo de irregularidades.
O Comité de Empresa, por iniciativa da CIG, vén de lle presentar, máis un ano, ao Concello de Betanzos un escrito onde solicita a información que lle falta con respecto a tres contratacións que entendemos que adoecen de diversas irregularidades, é hora de que Administración tome parte e demostre que non é así, se é que pode, do contrario non só incorre en discriminacións, senón que vulnera o principio de negociación e dificulta que a Administración avance na solución dos problemas históricos do persoal laboral. O Comité, pois, solicitoulle que informe de todo o relativo aos contratos sinalados e busque solucións á situación de cara a solucionar as presuntas irregularidades.
Ningún comentario:
Publicar un comentario