06/11/15

Lembranza ao Concello de que é hora de publicar a convocatoria de axudas sociais 2015

O Comité de Empresa, por iniciativa da CIG, vén de rexistrar onte mesmo varias solicitudes con respecto a diversas cuestións pendentes, entre elas a convocatoria de axudas sociais correspondente ao ano 2015.
No escrito lémbraselle ao Concello que levamos máis de tres anos agardando a que se negocien unhas novas bases logo de que as actuais leven 14 anos vixentes e sen ningún tipo de modificación con respecto ás contías. Ao pouco de chegar a ser concelleiro de Persoal, Diego Fernández, asegurou que por parte do Concello non habería ningún problemas en negociar unhas novas bases con criterios verdadeiramente sociais mais na actualidade, e a pesar dos intentos por parte da CIG a través do Comité de que este tema saíse para adiante o Concello segue instalado no pasotismo máis absoluto do tema. Non obstante, e mentres non hai novas bases hai que lembrarlle ao Concello que cómpre publicar a convocatoria deste ano e informar a todo o persoal, por iso, o Comité solicitoulle o seguinte ao Concello:
  1. Que publique a convocatoria de axudas sociais do ano 2015 en todos os taboleiros dos edificios municipais e informe a todo o persoal dos prazos e condicións da solicitude.

  2. Que amplíe o prazo estipulado nas bases vixentes, posto que indica que se presentarán nos once primeiros meses do ano e no mes de novembro finalizaría o prazo oportuno, e debido a isto entendemos que o prazo debería ampliar o das bases aprobadas en pleno a través dunha resolución da Alcaldía para que o prazo sexa ata o último día hábil de decembro e facilitar as solicitudes por parte de todo o persoal.

  3. Que independentemente da convocatoria de axudas de 2015 se retome dunha vez por todas a negociación dunhas novas bases de cara a poder aplicalas coa maior brevidade posible, posto que deben ser negociadas e posteriormente aprobadas polo pleno, ao igual que as vixentes.

  4. Que o Concello actúe coa máxima celeridade nesta cuestión polos prazos sinalados e porque segundo as bases aprobadas o prazo finalizaría a finais de mes e nin o persoal nin os representantes dos traballadores temos a día de hoxe ningunha información sobre a convocatoria.
O Comité de Empresa deixou por rexistro constancia da súa solicitude e agardamos que o goberno dea os pasos oportunos para solucionar esta cuestión canto antes, informe a todo o persoal sobre a convocatoria de axudas sociais correspondente ao ano 2015 en tempo e forma e retome definitivamente as negociacións co Comité de Empresa para a aprobación dunhas bases con criterios verdadeiramente sociais.
Para alén desta solicitude rexistráronse outras dúas con respecto ao atraso na entrega da información das horas extraordinarias e mais no envío de nóminas ao persoal, cuestións xa solucionadas ao día seguinte de entregalas.

Ningún comentario:

Publicar un comentario