14/06/17

Reunión co concelleiro de persoal 14/06/2017

Hoxe, 14 de xuño de 2017 tivo lugar a reunión dos representantes do Comité de Empresa co concelleiro de persoal. Nesta reunión os representantes dos traballadores achegáronlle as súas inquedanzas con respecto a diferentes temas entre os que estiveron os seguintes.

Solicitáronlle que se reunise con urxencia a Comisión Paritaria de Seguimento do Convenio Colectivo para tratar temas relativos á interpretación do convenio no relativo á cláusula transitoria primeira, ao anexo III, á negociación de xornada e horarios e aplicación do horario de conciliación, a convocatoria da Comisión Paritaria de Igualdade e o establecemento do procedemento para a comunicación dos cinco días de ausencia ao ano por indisposición que non dan lugar a baixa laboral.

Así mesmo, solicitáronlle información sobre diversas antigüidades pendentes de recoñecer, que o concelleiro comentou que non se dan recoñecido polo colapso do Departamento de Persoal, e instárono a que axilice os recoñecementos de antigüidade noutras administracións que o persoal laboral está comezando a solicitar desde a entrada en vigor do convenio colectivo.

Insistiron, unha vez máis, na necesidade de negociación dun novo regulamento de axudas sociais para un reparto máis xusto destas e da eliminación das discriminacións existentes nos horarios laborais, especialmente de entrada, xa que hai colectivos que entran a traballar ás 07:30 h e outros ás 08:00 h cando todo o persoal sae á mesma hora e transmitíronlle as queixas dos colectivos afectados.

Canto á Relación de Postos de Traballo o concelleiro informou que están traballando no borrador con funcións e tarefas e que falarán individualmente con cada traballador nunha fase de negociación, logo cos responsables e encargados das diferentes áreas e finalmente cos representantes sindicais. Na fase actual aínda non hai uns criterios de valoración, segundo entendemos, estase na fase de descrición dos postos e logo procederase á valoración destes que é o que dá lugar a cada complemento específico.

Así mesmo, solicitouse que se cubrisen as baixas de limpeza e que se contratase persoal por acumulación de tarefas e que se pagasen as horas extraordinarias pendentes, tendo en conta que en casos como a Escola Infantil Municipal foi a propia concelleira a que chegou a un acordo para cubrir as necesidades do servizo con horas extraordinarias que ademais se deberían cobrar e non desfrutar. Tamén se solicitou que se lle comunicase por escrito aos traballadores e traballadoras que non poden ter redución de xornada por motivos de servizos e que terían a compensación pertinente.

Finalmente aludiuse á asistencia ás comisións, que en principio se indicara que se ían pagar como produtividade mais que finalmente o goberno non regulou esta partida orzamentaria e, por tanto, non se podería distribuír, polo que, de non pagarse, solicitouse que se puidese desfrutar, como mínimo, a compensación en tempo. O concelleiro indicou que non habería problema e que se solicitase a compensación correspondente.

Ningún comentario:

Publicar un comentario