16/01/18

Cambios no calendario de negociación da Relación de Postos de Traballo

Nas últimas semanas non comunicamos novidades con relación á negociación da Relación de Postos de Traballo e varios compañeiros nos preguntaron polas distintas reunións que estaban previstas segundo o cronograma inicial acordado. 

Tal e como vén sendo costume neste Concello moitos acordos caen en saco roto e xa case nos estamos afacendo aos continuos cambios de datas e horarios das reunións que non están a demostrar demasiada seriedade por parte de quen convoca. Se a isto lle sumamos os cambios continuos de postura que lle afectan ás propostas de valoración dos postos estamos a resumirvos un escenario que ao comezo parecía idílico mais que vai mudando substancialmente segundo vai pasando o tempo. 

O caso é que segundo o cronograma inicial as negociacións terían finalizado o pasado 11 de xaneiro e ata o momento non se tomou ningún acordo a pesar de que as posturas de temas tan cruciais como a modificación dos grupos dos postos do persoal laboral ou a asignación duns niveis inferiores para o persoal laboral que para o funcionariado están claras. Isto non só se alonga cada vez máis senón que en cada nova reunión o goberno municipal lle dá unha volta máis para buscar escusas para a discriminación na asignación dos niveis ou a proposta de baixada de grupos do persoal laboral, sen esquecermos a novidade de que a RPT que o Concello de Betanzos ten publicada no portal da transparencia agora seica non existe.

En principio e se non hai novidades, que ultimamente temos moitas de última hora, a próxima reunión de "negociación" da RPT será o vindeiro xoves ás 12:30 h, e o Concello comunicará os postos que finalmente terá esa nova Relación de Postos de Traballo, así como os traballadores que deberían reclamar no xulgado a indefinición no caso de que quixesen que o seu posto formase parte da devandita relación.

Ningún comentario:

Publicar un comentario