Non inclúe a
recuperación “do roubado” nin vincula as subas salariais ao IPC
A Área Pública da CIG
rexeitou, na Mesa Xeral das Administracións Públicas, celebrada
esta semana, o acordo retributivo asinado entre os sindicatos
estatais e o goberno do PP porque non inclúe a recuperación do
roubado, nin vincula as subas salariais ao IPC. Ademais opúxose a
que se destinen máis de 5 millóns de euros para subvencionar ás
organizacións sindicais, tal e como se recolle no novo Acordo de
Formación para o Emprego do persoal das Administracións Públicas.
A Área Pública da CIG
–que atinxe as federacións de Ensino, Administración e Saúde-
criticou duramente o acordo tras analizar a fondo o texto que xa
denunciara que estaba “cociñado” fóra da Mesa Xeral de
Negociación entre as cúpulas sindicais de CC.OO., UGT e CSIF e o
Ministerio de Facenda.
Desvinculación do
IPC
A representación da CIG
denunciou na Mesa a desvinculación dos salarios do persoal das
Administracións públicas da variación do IPC para indexalo ao PIB.
“Este feito pode supor un grave precedente para o desfase que se
poida producir entre a carestía da vida e os salarios das persoas
empregadas públicas e implica o trunfo das consignas do
neoliberalismo, que pretende que os salarios dependan da
macroeconomía e non da realidade que temos que afrontar a diario
cando pagamos unha hipoteca ou mercamos alimentos”. Unha pretensión
que quedou evidenciada na intervención do ministro Montoro, cando se
felicitou de que se estea a abrir un camiño que debe exportarse aos
acordos salariais nas empresas privadas.
O persoal tardaría 28
anos en recuperar o poder adquisitivo perdido nos últimos 8
O que tan pomposamente se
presenta como unha recuperación, poñendo o foco na suba dun
6,12% dos salarios até 2020, dista moito de ser unha realidade xa
que o propio Banco de España agarda unha suba do IPC do 4,67% nese
mesmo período.
A este respecto o
Secretario Nacional da CIG-Administración Pública, Xavier Picón,
expuxo con claridade na Mesa que o acordo asinado só permitirá
recuperar un 0,48% en cada ano no período 2018-2020, e que con ese
ritmo de recuperación establecido, o persoal das administracións
públicas tardaría 28 anos en recuperar o 13,20% de poder
adquisitivo perdido nos últimos 8 anos.
Para estes efectos, o
coordinador de CIG-Área Pública propuxo na Mesa unha suba salarial
adicional sobre o Acordo acadado entre o Goberno e os sindicatos
estatais dun 4,40 % en cada unha das 3 anualidades, incluíndo unha
cláusula de garantía salarial por desviación do IPC. Pero a
proposta non foi acollida por ningunha das partes asinantes do
Acordo, botando por terra calquera posibilidade de recuperación real
dos salarios recortados co pretexto da crise.
Non se crea novo emprego
e póñnese en cuestión miles de postos de traballo temporal
En materia de Emprego, a
Área Pública da CIG conclúe que “malia a tan cacarexada mellora
da situación económica, o mantemento das taxas de reposición no
Acordo asinado non permite crear emprego no sector público, nin
recuperar as prazas perdidas nos últimos anos nestes ámbitos. “Isto
vai seguir xerando emprego temporal e inestábel e, nalgúns casos en
fraude de lei, co agravante de que agora as taxas xa non veñen
impostas, senón que son froito de acordo coas organizacións
sindicais estatais”.
O Acordo asinado dá por
bos os recortes de persoal, xa que as ofertas de emprego que poidan
derivar da Lei de Orzamentos do Estado para 2018 teñen que limitarse
ás prazas que quedan vacantes por xubilación, pois as taxas
adicionais pactadas no Acordo son de difícil aplicación á maioría
das Administracións Públicas distintas da do propio Estado, como
tamén denunciou o representante da FEMP na Mesa Xeral.
O coordinador da CIG-Área
Pública pediu expresamente na Mesa Xeral a supresión das taxas de
reposición para permitir ás Comunidades Autónomas e
Administracións Locais a recuperación de emprego público, proposta
que foi tamén secundada polos representantes da FEMP e de algunha
das CC.AA. presentes na Mesa Xeral das AA.PP. pero o Goberno
fixo oídos xordos á nosa proposta.
Consolidación do emprego
No que ten a ver
coa consolidación de emprego, o texto agora aprobado polos
sindicatos estatais e o goberno supón unha ampliación do Acordo
sobre estabilización do Emprego Público asinado polos mesmos
protagonistas e que a CIG xa rexeitou no seu momento porque non
recupera o emprego público perdido.
O Acordo limítase a
consolidar “prazas estruturais que xa están ocupadas na
actualidade, nuns casos por persoal temporal ou interino e noutros
por persoal indefinido non fixo por sentenzas que, en ningún caso,
implican incremento real de prazas nos cadros de persoal”, facendo
táboa rasa das prazas perdidas no período 2010 - 2017, que se
cuantifica en 270.000 postos de traballo no conxunto do Estado,
e 12.000 en Galiza.
Tanto este Acordo como o
de marzo céntranse exclusivamente na friaxe das cifras sen ter en
conta para nada ás persoas que durante anos prestaron servizo en
precario nestes postos de traballo nas diferentes AA.PP. Nada se di
no Acordo sobre como se van a levar a cabo eses procesos de
consolidación, pero o texto obriga a incluír todas as prazas
afectadas nas próximas ofertas de emprego, o que pon “aos pés dos
cabalos” a miles de persoas cunha longa traxectoria como persoal
temporal, interino ou indefinido non fixo, mesmo con idades próximas
á xubilación, nun fase da súa vida laboral que dificulta
enormemente unha adaptación noutros ámbitos se perden o posto de
traballo nun momento fulcral da súa carreira de cotización.
Nin rescate salarial, nin
recuperación de emprego e de dereitos
A Área Pública da
CIG asegura ademais que con este Acordo tampouco se recuperan os
dereitos laborais suprimidos: no que ten a ver coa xornada laboral,
ao quedar a posibilidade da redución condicionada ao cumprimento dos
obxectivos en materia de estabilidade orzamentaria, débeda pública
e regra de gasto, unhas administracións poderán negociar a redución
e outras non.
Isto vai dar lugar a
distintas xornadas laborais entre as persoas empregadas das distintas
AA.PP., en función da situación económica de cada Entidade, sen
que en ningún caso sexan estas persoas as responsables da xestión
económica en cada ámbito, o que foi tamén moi criticado por algúns
representantes das CC.AA. que interviñeron na xuntanza da Mesa.
Sobre a retribución das
baixas por I.T. , o Acordo deixa na man de cada administración a
posibilidade de complementalas ata o 100%, cando os sindicatos tiñan
na man forzar ao Goberno do Estado a derrogar as leis e normas que
nos penalizan por enfermar.
Tampouco se recolle nada
no texto sobre a restitución de permisos recortados, sobre a
xubilación parcial para o funcionariado do réxime xeral ou a
xubilación anticipada do persoal das Policías Locais.
“Por iso non é doado
entender que os sindicatos, que até hai semanas falaban de recuperar
o arrebatado e da dignidade das e dos empregados
do sector público, acepten agora pechar en falso esta negociación,
cando o único que se precisaba era a derrogación das leis que
introduciron os recortes, mantendo intacta incluso toda a lexislación
restritiva de dereitos de participación e negociación colectiva, e
facendo táboa rasa de todas as reivindicación sindicais
anteriores”.
5 millóns de euros para
formar cadros sindicais, a cara B da Mesa Xeral de Negociación
Na orde do día da
reunión da Mesa Xeral de Negociación das AA.PP. o goberno incluíu
unha proposta para asinar cos sindicatos a modificación do actual
Acordo de Formación para o Emprego das AA.PP. (AFEDAP). O texto
supón a adaptación ao novo marco da formación profesional no
ámbito laboral, mais presenta no seu articulado unha novidade a
salientar: todo un capítulo destinado ao financiamento de accións
formativas dirixidas a cadros sindicais das diferentes organizacións
sindicais con representación no sector público.
Nun documento previo, que
recibiu un informe negativo da Avogacía do Estado, pretendíase
incluír nese financiamento ás organizacións sindicais a
representantes que nin sequera fosen empregados públicos, algo que
finalmente foi retirado do texto que se presentou na Mesa, xa que
sería abertamente ilegal.
A Área Pública da CIG
amosou a súa desconformidade con este apartado do Acordo ao entender
que a formación interna dos delegados e delegadas sindicais debe ser
sufragada cos fondos propios das organizacións sindicais e que os
cartos de formación deben destinarse na súa integridade a formar a
todos os traballadores e traballadoras públicas, reforzando a
formación continua.
Na propia Mesa, o
Secretario Nacional da CIG-Ensino, Suso Bermello, preguntou
directamente a Secretaria de Estado de Facenda pola contía que se
destinará ao financiamento desta formación sindical, xa que ese
dato non formaba parte da documentación entregada. A Secretaria de
Estado afirmou que sería superior aos 5 millóns de euros, o que
implica que un 9% do total dos 58 millóns de euros dos plans de
formación serían para formar a cadros sindicais. O texto contou co
apoio de CC.OO., UGT e CSIF. Porén a representación da Área
Pública da CIG na mesa amosou a súa preocupación polo control do
gasto deses recursos. Preocupación que só foi compartida polo
sindicato vasco ELA.
Pódese acceder á
información completa co posicionamento da CIG na Mesa Xeral
nesta ligazón.
Ningún comentario:
Publicar un comentario