19/03/18

Solicitude de vacacións do ano 2018

Lembramos o que indica o Convenio colectivo con respecto ás vacacións do persoal laboral. Así mesmo, que a solicitude se debe realizar por escrito no Departamento de Persoal e que a denegación do desfrute no período solicitado só é válida no caso de que o Concello lla notifique por escrito ao traballador ou traballadora afectada a denegación. Neste caso, se tendes dúbidas da pertinencia ou non da denegación e da posibilidade de reclamala podedes poñervos en contacto cos delegados da CIG.

Artigo 23.º Vacacións.
1. As vacacións anuais retribuídas do persoal serán de vinte e dous días hábiles anuais por ano completo de servizo, e o máximo que a lexislación vixente de función pública permita, ou en forma proporcional ao tempo de servizos efectivos, e os/as traballadores/as gozarano, de forma obrigatoria, dentro do ano natural e ata o quince de xaneiro do ano seguinte, e terán dereito ao goce da metade destas entre o 1 de xuño e o 30 de setembro e en períodos mínimos de cinco días hábiles consecutivos, sempre que os correspondentes períodos de vacacións sexan compatibles coas necesidades do servizo. Sen prexuízo do anterior poderase solicitar o desfrute independentemente de ata 7 días hábiles por ano natural.
Ademais do anterior, establécense catro días adicionais de vacacións en función do tempo de servizos prestados polos empregados públicos do Concello, con arranxo á seguinte táboa:
  1. Por 10 anos de antigüidade: 1 día adicional de vacacións.
  2. Por 15 anos de antigüidade: 2 días adicionais de vacacións.
  3. Por 20 anos de antigüidade: 3 días adicionais de vacacións.
  4. Por 25 anos ou máis de antigüidade: 4 días adicionais de vacacións.
2. Para estes efectos, os sábados non serán considerados días hábiles, agás que nos horarios especiais se estableza outra cousa.
3. O persoal con contratos laborais temporais poderá escoller as datas das súas vacacións sen ter que facelas coincidir obrigatoriamente co ano natural, sempre que as necesidades do servizo o permitan.
4. O plan de vacacións anuais será elaborado antes do 1 de abril de cada ano, de modo que cada traballador/a poida coñecer as datas que lle correspondan, polo menos con dous meses de antelación á data do comezo daquelas.
5. Nos servizos onde poidan producirse colisión de intereses con respecto ao desfrute das vacacións, organizaranse as quendas de forma obrigatoria, de xeito rotativo, comezando polo/a traballador/a con maior antigüidade a primeira vez que se organicen as quendas.
6. As vacacións non poderán ser compensadas en metálico nin en todo nin en parte, agás cando no transcurso do ano se produza a extinción da relación de emprego do/a traballador/a ou sexa declarado este en situación de excedencia ou de suspensión de funcións e aínda non teña desfrutado ou completado na súa totalidade o desfrute do período vacacional.
7. No suposto de producirse colisión de intereses entre o/a traballador/a afectado pola enfermidade ou por accidente e aqueles/as outros/as do seu mesmo servizo, que xa as teñen programadas, terán estes/as últimos/as preferencia sobre aquel/a, que en todo caso haberá de supeditarse ás necesidades do servizo.
8. O calendario anual de vacacións poderá ser modificado con carácter individualizado, tras a solicitude dos/as interesados/as, sempre que non exista oposición, fundamentada en razóns obxectivas do servizo, e non se afecte a intereses de terceiros/as no ámbito das quendas establecidas.
9. A traballadora embarazada terá dereito a escoller a data das súas vacacións regulamentarias, sempre e cando as una sen solución de continuidade á baixa por maternidade. Do mesmo xeito recoñécese o dereito á elección do período de vacacións a favor de mulleres e homes con fillas ou fillos menores de doce anos, sempre e cando estas coincidan con períodos non lectivos, ou maiores dependentes ao seu coidado.
10. Os permisos de maternidade, paternidade e lactación, así como os períodos de incapacidade temporal derivados do embarazo, poderanse acumular ao período de vacacións, mesmo despois do remate do ano natural ao que aquelas correspondan.
Cando o período de vacacións coincida cunha incapacidade temporal derivada do embarazo, parto ou lactancia natural, ou co permiso de maternidade, ou coa súa ampliación por lactancia, a empregada terá dereito a gozar as vacacións en data distinta, aínda que terminase o ano natural ao que correspondan. Gozará deste mesmo dereito quen estea gozando do permiso de paternidade.
11. A baixa por maternidade, enfermidade ou accidente interromperá o cómputo de período vacacional e reanudarase de acordo coas necesidades do servizo despois da alta. De producirse colisión de intereses entre un/ha traballador/a afectado/a por unha enfermidade ou por un accidente e aqueles/as outros/as do seu mesmo servizo, que xa as teñen programadas, terán estes/as últimos preferencia sobre aquel, que en todo caso haberá de supeditarse ás necesidades do servizo.
12. No caso de que o traballador cese por xubilación ou falecemento sen gozar das vacacións que lle corresponderan, terá dereito (el ou os seus dereitos habintes) a que se lle inclúa na liquidación o importe da parte proporcional das vacacións devengadas e non desfrutadas polo período de tempo traballado durante o ano.

13. O dereito ás vacacións recoñécese a todos/as os/as traballadores/as que non puideron desfrutalas con motivo de incapacidade temporal sexa cal sexa a continxencia que a determinou.

Ningún comentario:

Publicar un comentario