O
Concello de Betanzos avanza na privatización dos servizos municipais
e na destrución de emprego público coa licitación do servizo de
"Limpeza de centros públicos de ensino do Concello de
Betanzos". O goberno municipal do PSOE publicou esta licitación
na Plataforma de Contratos Públicos de Galicia o día 7 de marzo e
hoxe mesmo na web municipal do Concello alardea das bondades da
privatización dun servizo que na actualidade ten cinco traballadoras
ás que o Concello non informou en ningún momento das súas
intencións. É máis, as traballadoras que resultarían afectadas
souberon pola prensa que o Concello ten a intención contratar a unha
empresa privada para a limpeza do CEIP Francisco Vales Villamarín, a
Escola Infantil e o Conservatorio Municipal.
Desde
a Sección sindical da CIG denunciamos publicamente a falta de
diálogo do goberno municipal nesta situación e a vontade
privatizadora dun sector que na actualidade xa conta con persoal, se
é ben é certo que nos últimos anos se reduciu significativamente
pola negativa a cubrir as vacantes por xubilación. É necesario
denunciar tamén que o prego de prescricións técnicas do contrato
administrativo minte abertamente dicindo que "o Concello carece
de persoal con experiencia na prestación de traballos de limpeza e
que conten coa categoría de limpador/a", cando os contratos das
traballadoras de limpeza que actualmente traballan no CEIP Francisco
Vales Villamarín e os postos existentes no cadro de persoal afirman
o contrario.
A
maiores, o Concello ten unhas listaxes de substitución vixentes para
o posto de limpador/a para cubrir as baixas do persoal, e a CIG xa
denunciou publicamente que sistematicamente viña cubríndoas con
persoal dunha empresa privada, nun claro intento de abrir este novo
camiño da privatización definitiva.
En
último lugar, queremos lembrar que a vontade de destrución de
emprego público do goberno municipal de Betanzos vén de lonxe,
posto que xa hai dous anos optou por despedir a dúas traballadoras
que limpaban o aulario do CEIP Francisco Vales Villamarín para
comezar a abrir o camiño a esta contratación privada. Finalmente,
consideramos completamente inaceptable que o PSOE dese este paso sen
falar co Comité de Empresa e coas traballadoras afectadas, máis
aínda tendo en conta que a modificación das condicións laborais é
materia de obrigada negociación.
Ningún comentario:
Publicar un comentario