O domingo 15 de abril
haberá manifestacións e concentracións ao longo de toda Galiza
A CIG vai desenvolver
unha xornada nacional de mobilizacións o domingo 15 de abril, en
defensa do sistema público de pensións, pola recuperación dos
dereitos roubados e para reivindicar emprego e salarios dignos, como
única garantía de termos unhas pensións dignas. Nese día, a
central convocará mobilizacións simultáneas nas sete cidades e en
múltiples vilas do país co obxectivo de descentralizar as protestas
e visibilizar o amplo rexeitamento social ás políticas dos gobernos
do PP.
Esta iniciativa enmárcase
na campaña que a central sindical está desenvolvendo para esixir a
derrogación das reformas antisociais e antiobreiras aprobadas baixo
a escusa da crise económica, e que centrará tamén a conmemoración
deste Primeiro de Maio. Previamente, a CIG porá en marcha unha
campaña para levar aos centros de traballo o debate sobre a
necesidade de defender o sistema público de pensións, xa que a
reivindicación dunhas pensións dignas "é unha loita que
abrangue a toda a clase traballadora".
É o momento de dar unha
resposta contundente
A solidariedade
interxeracional constitúe un dos piares da protección social do
estado de benestar e conquistar este dereito supuxo décadas de loita
obreira, que agora toca defender con firmeza. Por iso, o secretario
xeral da CIG, Paulo Carril, subliña que é o momento de acumular
forzas e dar unha resposta contundente que obrigue o Goberno do PP a
derrogación das reformas laborais, da negociación colectiva e das
pensións, xa que esta "é a única alternativa para articular
medidas que garantan, de verdade, a viabilidade do sistema público
de pensións, o seu poder adquisitivo e que as pensións mínimas
sexan iguais ao salario mínimo interprofesional".
Nesta liña, Carril
sostén que "temos que plantarlles cara e defendernos, vencer as
reformas laborais e acadarmos unhas condicións de traballo e de vida
dignas. A clase traballadora ten que dar esta resposta como sempre
fixo, a través dunha folga xeral que obrigue ao PP a recuar nas súas
políticas".
Reformas para favorecer
os plans de pensións privados
As reformas aplicadas en
2011 (polo Goberno do PSOE, co apoio de CCOO e UGT, e contra da que a
CIG convocou unha folga xeral en solitario) e en 2013 (polo Goberno
do PP) introduciron recortes tremendamente regresivos dirixidos a
dificultar o acceso as pensións públicas e a rebaixar as súas
contías: atraso da idade de xubilación; aumento dos anos de cálculo
para o cómputo da base reguladora; incremento do número de anos
para cobrar a pensión completa; desligar as subas anuais do IPC
oficial e a introdución do chamado factor de sustentabilidade, que
se comezará a aplicar a partir de 2019.
Estas medidas provocaron
unha importante perda de poder adquisitivo das e dos pensionistas e
están ocasionando que as galegas e galegos que acceden agora á
xubilación o fagan percibindo contías inferiores a quen accedeu en
anos anteriores. Por iso, para a CIG non deixa de resultar rechamante
que, organizacións que facilitaron a implantación destes recortes e
día tras día reeditan a lacra do pacto social que nos está levando
a que se consolide unha situación social sen saída, con total
descaro corran agora a convocar protestas, cando tamén son
causantes, xunto co PP e PSOE, destes ataques ás pensións.
Lexislar para favorecer
as grandes empresas e a banca
Doutra banda, a reforma
laboral e da negociación colectiva facilitan que as empresas
rebaixen os salarios e que se multipliquen os contratos a tempo
parcial e temporal, consolidando así un mercado laboral precarizado
e unha caída agudizada das cotizacións, que merma tanto os ingresos
actuais do sistema como as posibilidades de acceder a unha pensión
digna no futuro ás persoas que hoxe está en activo. Non cómpre
perder de vista un dato significativo: en 2011, cun número similar
de cotizantes ao de 2017, a Seguridade Social obtivo 2.300 millóns
de euros de superávit. Porén, no 2017, ingresáronse 8.900 millóns
de euros menos.
De xeito paralelo, o goberno promoveu medidas para subvencionar as contratacións precarias, modificou o imposto de sociedades para favorecer as grandes empresas, rebaixou os impostos directos ás rendas máis altas e incorporou desgravacións fiscais aos plans privados de pensións. Esta batería de medidas nada inocentes veu acompañado da construción dun relato catastrofista no que todo o público aparece etiquetado como "inviábel", nomeadamente o sistema público de pensións, garante da cohesión social, mais tamén negocio millonario do que banca e as grandes empresas queren apropiarse.
De xeito paralelo, o goberno promoveu medidas para subvencionar as contratacións precarias, modificou o imposto de sociedades para favorecer as grandes empresas, rebaixou os impostos directos ás rendas máis altas e incorporou desgravacións fiscais aos plans privados de pensións. Esta batería de medidas nada inocentes veu acompañado da construción dun relato catastrofista no que todo o público aparece etiquetado como "inviábel", nomeadamente o sistema público de pensións, garante da cohesión social, mais tamén negocio millonario do que banca e as grandes empresas queren apropiarse.
"A única
posibilidade de termos pensións dignas pasa pola derrogación das
reformas feitas polo PSOE e polo PP", conclúe Carril, e fai un
chamado a participar coa CIG na xornada de mobilizacións do 15 de
abril para demostrar que "nin nos resignamos nin imos permitir
máis agresións á clase traballadora, que é a que realmente crea a
riqueza existente".

Ningún comentario:
Publicar un comentario